Xosé Bugallo e Obdulia Taboadela visitan o CiTIUS e enxalzan a capacidade do centro en materia de IA

xoves, 13 de xullo do 2023 S. P.

Xosé Sánchez Bugallo, candidato número 1 ao Senado polo PSdeG-PSOE da Coruña, e Obdulia Taboadela, candidata número 2 ao Congreso por esta mesma formación, visitaron esta semana a sede do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela.
Bugallo, ex alcalde da dita cidade, sinalou que “o futuro da nosa sociedade está vinculado sen ningunha dúbida ás novas tecnoloxías, a innovación e ao emprendemento, e estes foron elementos absolutamente apoiados polo actual Goberno”. Tamén puxo o foco na xestión dos fondos europeos que “resultou absolutamente fundamental para financiar o desenvolvemento da nova economía deste páis para garantir o futuro das novas xeracións”. Bugallo fixo saber que o CITIUS é “un dos centros de referencia para Galicia e para España en novas tecnoloxías e en Intelixencia Artificial (IA)”. O centro, engadiu, “está servindo para garantir o futuro da mocidade galega que pode construír o seu futuro na nosa terra, e para fomentar a competitividade do tecido empresarial de Galicia”.
Pola súa banda, Obdulia Taboadela sinalou que a labor do CiTIUS resulta “de enorme axuda para a investigación en Intelixencia Artifical, chips, mobilidade eléctrica”. Tamén “na nova economía da lingua, para que se estude e se faga ciencia en galego e nas demais linguas cooficiais”, destacou.