XoveTIC, a gran cita dos novos investigadores das TIC, retoma esta semana a presencialidade
martes, 4 de outubro do 2022
Os
novos investigadores de España e Portugal que traballen en proxectos
de Intelixencia Artificial, análise de información a gran escala
(Big Data),
computación de altas prestacións, servizos e redes intelixentes ou
ciberseguridade teñen unha cita co talento esta semana no Centro de
Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC) da Universidade
da Coruña. Será con motivo da quinta edición do Congreso
XoveTIC, que se celebra este mércores 5 e este xoves 6 de
outubro retomando a presencialidade tras dous anos celebrándose en
liña debido á pandemia. O congreso terá lugar no CITIC, agás a
sesión de pósteres na tarde do mércores, que será na Facultade de
Informática da UDC coa finalidade de achegar o encontro ao alumnado.
Segundo
informou o centro coruñés, organizador da cita, no congreso
presentaranse máis de 50 traballos de investigación no ámbito das
Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC), tanto en
formato comunicación oral coma en póster. Os cinco considerados
mellores polo comité científico avaliador recibirán unha axuda
económica. Unha aplicación informática para saúde mental, un
proxecto sobre realidade aumentada para montaxe e mantemento de
estaleiros, Big Data para corrección de erros
en lectura xenética, detección de ataques DoS e un simulador para a
toma de decisións durante pandemias foron os traballos recoñecidos
o pasado ano.
Ademais,
tamén terán lugar dúas conferencias plenarias a cargo de Sabela
Ramos Garea, enxeñeiro de software en Google Research, Brain Team; e
José Francisco Tirado Fernández, catedrático de Arquitectura e
Tecnoloxías da Computación da UCM e presidente do Comité Asesor
Externo do CITIC.
O
encontro, orientado á busca de talento investigador mozo no eido das
TIC, conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Facultade de
Informática da UDC, a Universidade de Oviedo, a Universidade
Politécnica de Madrid, a Universidade de Porto e Atlanttic da
Universidade de Vigo. Os premios están financiados polo Colexio
Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o
Clúster TIC de Galicia, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a
Fundación CITIC de Galicia e as cátedras institucionais da
Facultade de Informática.