Xunta e Avincis empregan drons para velar pola diversidade fluvial e mariña
luns, 26 de agosto do 2024
A Xunta de Galicia e a compañía Avincis completaron as primeiras probas dun innovador sistema para a monitoraxe e o control da biodiversidade en ecosistemas fluviais e mariños con vehículos non tripulados. Os ensaios, que en palabras da Xunta e Avincis leváronse a cabo en “con éxito”, tiveron lugar no encoro da Baxe, en Caldas de Reis.
O proxecto forma parte do programa conxunto de I+D que as dúas entidades desenvolven na Civil UAVs Initiative. O seu obxectivo é “dotar aos servizos de control de calidade das augas en rías, esteiros e cursos fluviais das vantaxes das tecnoloxías non tripuladas, permitindo monitorizar os impactos sobre a biodiversidade de ecosistemas mariños e fluviais”.
Xunta e Avincis explicaron que no desenvolvemento das probas empregouse un pequeno vehículo de superficie non tripulado e multifuncional, dotado cunha sonda que permite medir parámetros como temperatura, condutividade, profundidade, osíxeno disolvido, materia orgánica, pH, clorofila ou turbidez, entre outros, que son fundamentais para facer seguimento da poboación de fitoplancton e a saúde do ecosistema natural; cun sistema de toma de mostras; cun sonar de varrido lateral, que facilita o cartografado do fondo mariño e permite identificar diferentes tipos de pradeiras distribuídas nas rías e esteiros, cun alto valor ecolóxico.
O Goberno galego engade que as características do vehículo non tripulado “permiten a súa utilización en zonas protexidas sen comprometer a biodiversidade e sen causar danos nin nos solos nin na calidade da auga”.
Nun plano detallado conta con dimensións reducidas (160 x 70 x 40 cm), calado pouco profundo, comunicación en tempo real con centros de control e outros drons con alcance de ata 8 quilómetros, alta duración da batería (6 horas) e uso dun sistema de propulsión eléctrica por hélice de chorro de auga.
Na realización destas probas participaron tamén os centros tecnolóxicos Gradiant, que desenvolveu o sistema de comunicacións da embarcación non tripulada; e o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), responsable do funcionamento das cargas de pago do dron mariño.
Avincis está a traballar, en colaboración con Telespazio, outro dos socios estratéxicos da Xunta de Galicia na Civil UAVs Initiative, nun programa de I+D que ten por obxectivo o desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas de observación e vixilancia da biodiversidade.
O programa conxunto de Avincis coa Xunta contempla un investimento público-privado de 37,8 millóns de euros (12,28 millóns de euros de achega pública e 25,51 millóns de euros de achega privada), o desenvolvemento de seis proxectos de I+D e 11 proxectos complementarios, coa participación de 112 profesionais e a colaboración de 16 empresas e centros de coñecemento, na súa meirande parte galegos. Este programa conta co financiamento do Plan Complementario de Biodiversidade do Ministerio de Ciencia e Innovación.