Xunta e Cámara de Santiago impulsan a formación tecnolóxica no sector cultural

xoves, 15 de xaneiro do 2026 S. P.

A Xunta de Galicia e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela veñen de renovar o seu acordo para promover a formación dos profesionais das industrias culturais e creativas galegas no eido da innovación tecnolóxica. Trátase dunha colaboración que permite desenvolver desde cursos de xeración de experiencias con intelixencia artificial ata o uso de novas ferramentas na xestión do patrimonio.
Así se desprende do convenio asinado pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e o vicepresidente da Cámara de Comercio, Jorge Lorenzo Souto, cuxo obxectivo, indicaron, “é fortalecer o sector cultural e avanzar neste eido cara unha industria adaptada ás novas tendencias dixitais a través da formación”.
O conselleiro indicaron que o acordo reforza o papel do Gaiás como “unha entidade pioneira no apoio ao emprendemento cultural na Comunidade”, de feito, engadiu, “a iniciativa enmárcase na liña de acción do Centro de Emprendemento, que ofrece un espazo de traballo e acompañamento para potenciar o nacemento e consolidación de proxectos culturais, sociais e tecnolóxicos en Galicia”.
A formación, que se desenvolverá entre febreiro e xuño, enmárcase no programa de actuación 2025-2026 da Rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.
En total, está composta por cinco cursos que abranguen novos modelos de xestión cultural, a creación de experiencias culturais con IA, o uso da tecnoloxía na xestión do patrimonio, o emprendemento tecnolóxico e a cadea de bloques (blockchain) e NFT no sector. As persoas interesadas poden anotarse de balde na web da Cámara de Comercio e, quen o desexe, poderá solicitar o uso das instalacións do Centro de Emprendemento do Gaiás durante o tempo no que se desenvolva a formación.