Xunta e Clúster TIC colaboran na elaboración do Plan director TIC

xoves, 30 de xaneiro do 2025 Redacción

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, asinaron hoxe un convenio de colaboración para avanzar na elaboración do Plan director da industria das TIC.
Tras a firma do acordo, a conselleira subliñou que o convenio asinado por importe de 60.000 euros “permitirá levar a cabo diversas actuacións para colaborar na elaboración, aprobación e publicación do plan director das TIC” co obxectivo de “facilitar o proceso de adaptación e transformación enerxética e dixital da industria galega”.
Así, realizarase un estudo detallado do ecosistema autonómico, nacional e internacional da industria das TIC mediante un sistema de bases de datos con información de empresas, mercados e industrias para analizar as tendencias deste sector; formaranse mesas de traballo e impulsaranse instrumentos financeiros públicos que apoien a implementación das diferentes medidas recollidas no plan director.