Xunta e DIHGIGAL asinan un acordo para elaborar o mapa industrial de Galicia

venres, 17 de novembro do 2023 S. P.

Foi esta semana cando tivo lugar a formalización do convenio de colaboración para elaborar o mapa industrial de Galicia, unha ferramenta prevista no Proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas para coñecer a realidade da industria galega e definir medidas de intervención. Na sinatura do dito convenio participaron a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, e representantes da Asociación para a dixitalización da industria de Galicia, DIHGIGAL (Digital Innovation Hub Industrial de Galicia).
A consolidación deste acordo tradúcese nun investimento de 200.000 euros, DIHGIGAL comprométese a poñer en marcha varias actuacións en materia de planificación industrial para obter información a nivel sectorial, territorial e de solo dispoñíbel. Trátase de identificar as necesidades e demandas das empresas, buscar de xeito coordinado solucións eficientes para a mellora da competitividade e produtividade industrial; e crear unha rede de información e comunicación permanente entre as institucións públicas e a industria galega.
Asemade, o convenio recolle a colaboración na definición de medidas para impulsar e fomentar até un total de catro sectores industriais prioritarios, que serán seleccionados segundo os resultados do mapa ou atendendo á súa especial relevancia dentro da economía galega, en liña coa nova estratexia industrial prevista no Proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas. Alén disto, contémplanse actuacións para dar a coñecer e difundir a promoción industrial, como é o caso da celebración de eventos e accións de dinamización.
Engadir que DIHGIGAl, que está integrada por unha ampla variedade de socios que representan o conxunto do tecido industrial galego desde diferentes ópticas de coñecemento (clústeres, centros tecnolóxicos, universidade e empresas) ten entre as súas finalidades promover unha visión estratéxica industrial a longo prazo para a mellora competitiva e o desenvolvemento sustentábel.

PUBLICIDADE