Xunta e UVigo inauguran a maior estación de España para comunicacións espaciais cuánticas
xoves, 16 de abril do 2026
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa, inauguraron este 16 de abril a estación óptica terrea para comunicacións cuánticas Antonia Ferrín, nas súas palabras “a maior de España”, unha infraestrutura que sitúa a Galicia “nunha posición de vantaxe no eido da transmisión espacial de máxima seguridade”, sinalaron.
Engadiron que a estación inaugurada este xoves 16 mellora a que opera no Instituto Leonardo Torres Quevedo de Madrid e son as dúas principais instalacións preparadas para establecer conexión co satélite Eagle-1 mediante tecnoloxía cuántica.
Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, destacou que forma parte dunha rede que se está despregando en Lisboa, Madrid, Barcelona e que cando estea o satélite no aire, previsto para finais de 2026 ou principios de 2027, permitirá crear unha constelación de comunicacións ultraseguras.
O titular de Ciencia agradeceu ao reitor de Vigo, Manuel Reigosa, polo papel da universidade neste proceso, así como ao catedrático da UVigo e investigador principal do proxecto e director do Vigo Quantum Communication Center (VQCC), Marcos Curty e subliñou “o talento dos investigadores que traballan neste centro, que contan co apoio da Xunta para seguir desenvolvendo todo o seu talento e capacidades”.
Estes avances en tecnoloxía cuántica colocan a Vigo como unha das principais cidades de España nesta materia, indicou Román Rodríguez, apuntou, engadindo que esta actuación permitirá conectar coas principais misións europeas e internacionais de satélites cuánticos e “consolida a Galicia entre as rexións líderes en Europa en tecnoloxías cuánticas, grazas á combinación de infraestruturas avanzadas, talento investigador e unha folla de ruta clara de investimento e desenvolvemento”.
Ao devandito apunto que que en 2025 inaugurouse a liña de comunicación cuántica máis longa de España, “unha autoestrada para a transmisión de datos con tecnoloxía cuántica de 120 km de lonxitude entre Santiago e Vigo, que sitúa a Galicia nunha posición destacada tamén nas comunicacións por terra”.
A estación, que leva o nome da matemática, astrónoma e profesora galega Antonia Ferrín Moreiras, conta cun telescopio cun espello de 80 cm de diámetro que se empregará como receptor das sinais dos satélites de comunicacións cuánticas que está previsto despregar nos vindeiros anos no marco das principais misións europeas e internacionais, como as misións Eagle-1 e SAGA da Axencia Espacial Europea. Esta instalación permitirá formas de comunicación ultraseguras baseadas nos principios da física cuántica.
A UVigo salienta as vantaxes competitivas postas en xogo
“Esta estación ofrece unha vantaxe competitiva moi grande para a nosa investigación en comunicacións cuánticas vía satélite, incrementa a nosa visibilidade internacional e a nosa capacidade de colaborar en proxectos neste ámbito”, explicou no acto o catedrático Marcos Curty, investigador principal do proxecto e director do Vigo Quantum Comunication Center da Universidade de Vigo, centro líder no desenvolvemento de tecnoloxías de comunicación cuántica para as telecomunicacións “do presente e do futuro”, tal e como se explicou no acto.
Pola súa banda o reitor sinalou que “hoxe é un día para celebrar o talento, que é o que marca as diferencias e o que pode facer que un país como o noso, que durante séculos non estivo precisamente na vangarda do coñecemento, poida situarse, cun sistema universitario de altísima calidade e con iniciativas coma esta, apoiadas polo goberno do Estado e da Xunta, como verdadeira punta de lanza”.
Indicaron que a nova estación permitirá á Universidade de Vigo conectarse coas principais misións europeas e internacionais que despregarán satélites para comunicacións cuánticas nos próximos anos, incluíndo, por exemplo, as misións da ESA Eagle-I e SAGA, na que xa forman parte do consorcio. Curty salientou nesta liña que nestes intres se está a realizar o despregamento dunha rede de comunicacións cuánticas a nivel europeo, “a denominada European Quantum Communication infrastructure, EuroQCI, “para protexer as nosas comunicacións máis sensibles”, e, como parte desta iniciativa, en España e Portugal estase despregando unha rede, IberianQCI, que unirá ambos os dous países e que, posteriormente, se unirá tamén á rede EuroQCI vía satélite. “Vigo é un nodo da IberianQCI, e a estación óptica terrea que presentamos hoxe formará parte desa rede”, recalcou o responsable do Vigo Quantum Comunication Center.
Segundo explicaron os investigadores, na actualidade so hai unha estación óptica similar para comunicación cuánticas no Instituto de Tecnologías Físicas y de la Información Leonardo Torres Quevedo, dependente do CSIC, pero de menor tamaño que o que hoxe se inaugurou en Vigo. “A día de hoxe é o máis grande de España, se ben nos próximos dous anos está previsto que se despregue outro en Barcelona”, recalcou Curty.
A nova estación consiste esencialmente nun telescopio de 80 centímetros de diámetro, situado dentro dunha gran cúpula, e diferentes equipos de medida situados nun contedor conectado ao telescopio por fibra óptica. Tal e como explicou Curty e a investigadora Hannah Thiel, do Laboratorio de Satélites do VQCC, empregarase para comunicacións cuánticas vía satélite e, en particular, para distribución cuántica de claves criptográficas protexidas polas leis da mecánica cuántica. Estás claves poden empregarse para encriptar información e garantir a seguridade a das comunicacións, independentemente da capacidade computaciónal dun atacante.
“Aínda que un atacante dispuxese de toda a capacidade de cálculo do universo, non podería romper as comunicacións”, salientou Curty, ao tempo que explicou que os satélites actúan como transmisores de sinais ópticos de moi baixa intensidade, codificadas en estados cuánticos da polarización da luz. A estación óptica terrea é o receptor, recibe as sinais e mídeas cun equipo de medida que traballa no réxime cuántico. Deste xeito, pódense establecer primeiro claves criptográficas entre satélites e estacións ópticas en terra e, a continuación, isto pódese trasladar a claves criptográficas establecidas entre as estacións, onde estarán conectados os usuarios.
Alén do telescopio e o equipo de medida conectado ao mesmo por unha fibra óptica, a nova estación estará equipada tamén cun sistema de óptica adaptativa, para compensar as turbulencias da canle atmosférica, e así garantir unha canle con pouco ruído, e dun sistema de apuntamento e seguimento do satélite.
