Xuntos e Vodafone entregan oito diplomas de formación TIC a oito persoas de Pontevedra

martes, 19 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

A asociación Down Pontevedra Xuntos e a Fundación Vodafone España entregaron o pasado 15 de xuño os diplomas do programa Yo me prep@ro de formación en Novas Tecnoloxías, impulsado pola operadora de telecomunicacións coa colaboración local da asociación. En total, entregáronse oito diplomas.
O acto tivo lugar no Pazo de Mugartegui (Pontevedra) e, segundo se fixo saber no seu transcurso, con este certificado ambas as entidades acreditan que as persoas participantes adquiriron as destrezas en novas ferramentas dixitais que “lles permitirán formar parte do mercado laboral ordinario”. En termos máis concretos, adquiriron coñecementos de gran utilidade sobre como manexar programas ofimáticos, usar diversas aplicacións móbiles ou navegar por Internet e mandar correos, entre outras habilidades.
A encargada de repartir estes títulos foi a responsábel local do programa, Paula Villaverde Gondar, que tamén entregou diplomas ás empresas participantes no programa polo seu apoio á inclusión laboral do colectivo: Sincofa S.L., Deputación de Pontevedra, Arume Alimentación Saudable Galega, Asociación Manaia, BBVA, A’Devesa e Alcampo SAU. Estas firmas, segundo se lembrou no acto, ofreceron aos alumnos e alumnas a oportunidade de realizar prácticas formativas nas súas instalacións ou mesmo entrar a formar parte dos seus equipos de traballo.
Na cita, tanto as persoas participantes coma as empresas compartiron as súas experiencias, salientando as vantaxes que ofrece para as segundas o contar con persoas con capacidades diferentes nos seus equipos de traballo xa que, “ademais de realizar as súas tarefas con meticulosidade e moita organización, melloran o clima laboral e transmiten alegría e optimismo aos seus compañeiros e compañeiras”, explicouse.
No acto interviñeron a deputada da área de Emprego, Monserrat Magallanes; o secretario territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Ramón Pereiro; a concelleira de Benestar Social e Deportes do Concello de Pontevedra, Anxos Riveiro; o responsábel de Administracións Públicas de Vodafone España en Galicia, Jesús Sueiro; e o presidente de Down Pontevedra Xuntos, Manuel Pérez.
Durante o acto tamén interveu a xerente de Panaderías A’Devesa, unha das empresas recoñecidas, que contou a súa experiencia coa contratación de Helga García, participante do programa: “Todos os comezos son complicados pero Helga tivo que ir un paso máis aló porque estaba en todas as tendas, tivo que coñecer e adaptarse a once encargadas diferentes, once equipos de traballo e once costumes. A verdade é que foi un pracer a experiencia”. Pola súa banda, Helga destacou a relación cos seus compañeiros e compañeiras de traballo: “Gustoume moito traballar en Panaderías A’Devesa, tiven moi boas compañeiras que me axudaron”.
O obxectivo do programa Yo me prep@ro, que celebra a súa cuarta edición, é proporcionar aos ditos colectivos as ferramentas e estratexias necesarias en aspectos clave como o uso axeitado das TIC: programas informáticos, navegación por Internet, acceso a redes bancarias informatizadas ou aplicacións móbiles. Todo co obxectivo de “axudarlles a salvar a fenda dixital que lles pode condicionar á hora de atopar un posto de traballo normalizado, mellorar a súa autonomía e levar unha vida o máis plena e independente posíbel”.
Nesta edición recibiron formación en novas tecnoloxías 8 persoas usuarias de Down Pontevedra Xuntos. En total participaron case un milleiro de persoas de toda España.

PUBLICIDADE