Xuvenciencia introduciu á rapazada participante nos segredos e posibilidades da robótica

xoves, 4 de xullo do 2019 Redacción

A sétima edición do Campus de Verán XuvenCiencia é estes días unha xanela para albiscar de maneira clara e nidia o futuro que nos agarda. Non só o futuro tal e como pode concibir unha empresa ou un centro tecnolóxico, senón tamén o que atinxe directamente ás novas xeracións de estudantes galegos. De achegar a innovación e o progreso tecnolóxico ao alumnado (futuras e futuros investigadores do día de mañá) é do que trata este Campus de Verán lucense, que vén de chegar á súa terceira xornada (logo das xeiras do luns e do martes) abordando as posibilidades (profesionais, persoais) da robótica e dos coidados médicos aos animais.
A Facultade de Ciencias da USC en Lugo acolleu na mañá deste mércores o obradoiro Robots ao servizo da xente, no que o alumnado participante na terceira xornada de XuvenCiencia puido afondar nos esforzos de investigación que se están a facer nos sistemas intelixentes no ámbito dos servizos, alén de ter a oportunidade de interaccionar co robot humanoide NAO. Ademais de introducirse de cheo na robótica, os 150 participantes na sétima edición de XuvenCiencia puideron coñecer a fondo o tránsito da aspirina dende o laboratorio ata a farmacia, así como tomar parte en distintas actividades centradas na alimentación e na saúde.
A Facultade de Veterinaria acolleu tamén na terceira xornada distintos obradoiros nos que o alumnado coñeceu de preto como recoller mostras, o DNI xenético, as bacterias ou os virus patóxenos. A actividade O mundo invisíbel das doenzas animais serviu para que os participantes coñecesen o labor do patólogo veterinario e algunhas técnicas que emprega para chegar ao diagnóstico das enfermidades.
O obradoiro de física Experimentos de difracción de luz, xunto cunha actividade de iniciación á danza e a xeira de traballo sobre Design Thinking, celebrada na Facultade de Administración e Dirección de Empresas, completaron o programa da xornada.

Até 150 mozas e mozos están a participar no Campus de Verán

O luns comezou a nova edición (a sétima) do Campus de Verán Xuvenciencia, que se celebra até este 5 de xullo convertendo a cidade da Muralla en capital galega, estatal e europea do que se vén coñecendo como universo STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). Na iniciativa, impulsada pola Universidade de Santiago (Campus de Lugo) e o Concello e a Deputación, participan 150 alumnos e alumnas preuniversitarios de España e Portugal. As actividades de Xuvenciencia (todo tipo de obradoiros e proxectos divulgativos) buscan estimular vocacións científicas entre o alumnado máis novo e dar a coñecer as importantes vantaxes de estudar no campus local.
Ao abeiro da edición 2019 de Xuvenciencia, unha das principais novidades foi a actividade Aprendendo a construír vídeos contra o ciberbullying, coordinada por Mari Carmen Caldeiro Pedreira, na que se abordou como o uso indiscriminado dos teléfonos móbiles e da tecnoloxía por parte das novas xeracións deriva ás veces en acoso e violencia.
As distintas actividades incluídas no campus XuvenCiencia desenvólvense en quenda de mañá e tarde, en horario de 9.30 a 18.00 horas, nas facultades de Ciencias, Humanidades, Administración e Dirección de Empresas, Formación do Profesorado e Veterinaria, así como na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e os dous centros adscritos: Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermaría.
As visitas aos distintos laboratorios de investigación e servizos da USC en Lugo e a centros e empresas colaboradoras (Aula de Produtos Lácteos, Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, Museo Provincial, Museo Universitario A Domus do Mitreo, AMSlab, Xenética Fontao, Hospital Universitario Lucus Augusti, Castro de Viladonga, Sotavento, Fundación TIC, LARSA, Norvento, FINSA, CETAL), e a realización de obradoiros relacionados coas titulacións científicas, técnicas e sociais do campus centran as actividades programadas polos organizadores do campus en quenda de mañá.
Polas tardes, os/as alumnos/as inscritos/as no programa, repartidos en grupos pequenos, impulsan, baixo a tutela do profesorado universitario, distintos proxectos científicos ou técnicos a elixir entre 26 propostas.

PUBLICIDADE