Xuventude Crea distingue a Gael Alberto Quintela, Tamara García e Laura Cuestas no apartado de videoxogos

venres, 13 de decembro do 2024 S. P.

Este xoves 12 de decembro celebrouse finalmente a gala de entrega dos premios Xuventude Crea 2024, un certame que enxalza, visualiza e reivindica o talento dos creadores e creadoras da nosa terra (e da nosa terra no exterior). Segundo lembrou o conselleiro de Cultura, José López Campos, presente na gala, esta décimo quinta convocatoria foi a que obtivo máis participación, con 627 persoas inscritas, o dobre do ano pasado. Unha parte dos premios tivo un claro compoñente tecnolóxico, por exemplo os galardóns aos mellores videoxogos, que distinguiron a Gael Alberto Quintela, a Tamara García e a Laura Cuestas.
O certame, organizado pola Xunta de Galicia para incentivar a creación entre os mozos e mozas e impulsar os seus proxectos, apostou este ano “por ofrecer como máis visibilidade e proxección coa presenza en eventos relevantes do sector artístico internacional e coa posibilidade de participar en programas de formación”, como así o explicou López Campos. O representante do Goberno galego que estivo acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses e varios membros do seu equipo, gabou a calidade dos traballos presentados en moi diversas disciplinas nunha edición que, apuntou, “tamén se caracterizou pola transversalidade nas políticas públicas que teñen que ver coa mocidade”. Referiuse así á coordinación con outros departamentos da Administración autonómica como a Secretaría Xeral de Emigración, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais ou a Axencia Galega das Industrias Culturais.
Deste xeito, o certame incluíu desta vez a persoas galegas residentes no exterior, que viaxarán á Comunidade mediante a Estratexia Galicia Retorna. Ademais, grazas aos Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego os responsables das obras gañadoras terán a posibilidade de ser seleccionados para un programa de formación e mentoring para poñer en marcha o seu proxecto. Pola súa parte, o Centro Dramático Galego poderá apoiar ás persoas ou compañías gañadoras da sección Pro na categoría de teatro, impulsando o lanzamento da súa proposta artística.
16 categorías premiadas
Os premios do Xuventude Crea 2024 recaeron en 16 modalidades, dúas máis que o ano pasado.
Na creación de contido, novidade este ano, distinguiuse a Sandra Martínez, de San Sadurniño, por O e-rural galego; en segundo lugar a Luis do Río, de Santiago, por A tradición cultural galega e as súas novas formas en internet, e en terceiro a Iria Fernández, de Ourense, por Metamorfose mariña.
Na categoría de videoxogos resultaron premiados Gael Alberto Quintela, de Arzúa, por Maestosia; Tamara García, de Carballo, por A Hundred Days of Summer, e Laura Cuestas, de Vilagarcía de Arousa, por Souri.
No caso das artes plásticas recibiu o primeiro premio Candela Eirea, de Cangas, coa pintura Un enrriba doutro; o segundo foi para Cristian Paz, de Ponteareas, coa escultura Escondedoiro; mentres que o terceiro compartirono Cora Novoa, de Valencia, coa escultura O que ocorre durante rexistros da acción, e Ainoa Simons, de Vigo, coa colección En esta casa viven todas.
Na arte urbana gañou o primeiro premio Álex Davila, de Lalín, con O mar non é un vertedoiro; o segundo recaeu en Fernanda Rodríguez, da Coruña, con Descentrada, e o terceiro en Pedro Gonzalo, de Vigo, con Identidade fragmentada.
No que respecta á banda deseñada, os recoñecementos foron en primeiro lugar para Izar Magallanes, de Vigo, con Negra sombra; en segundo para Jennifer de la Torre, de Ourense, por Señardade, e en terceiro para Alba Chan, de Pontevedra, con Minha axenda, compartido con Manuel Tudela, de Pontevedra, com Epicteto.
Os galardóns en cociña levaron ao primeiro posto a Pablo González e Ana Belén Pérez, de As Neves, pola súa Torrada con viño tinto Rubiós; ao segundo lugar a Jennifer Santabaya, de Dumbría, polas Vieiras á prancha sobre cama de crema de pataca e tetilla con crocante de castañas e xelatina de Albariño, e ao terceiro a Sofía Pérez e Valeria Rodríguez, de Pontevedra, con Lume da Santa Compaña.
En danza gañou o primeiro premio Judith Roca, de Lugo, coa obra Frente a frente, e o segundo Pablo Vázquez, de Pontevedra, por Silencio afogado. Mentres, o terceiro foi compartido polo grupo formado por Daniel Suárez, Alba Meijide e Bruno Orosa, de Vigo, por Go natural, e polo dúo de Noelia Prado e Claudia Pazos, da Coruña, por Lazos quebrados.
En canto ao deseño de xoias, recoñeceuse o traballo de Raquel Martín, de Rois, con Orixe; Yago Piñeiro, de Cangas, con Orquídeas, e Isani Diana Gil, de Santiago de Compostela, por A armonía do origami e o metal.
Outra das novas especialidades, a de DJ, tivo como vencedor a Anxo Fernández, de Ponteareas, con A technocicleta de muiños, acompañado no segundo lugar por Lidia Fraga, da Coruña, con Darkness Session, e de Jorge Luis Pardo, da Coruña, con Entre tebras.
As obras premiadas en fotografía foron Non é debilidade, é fortaleza, de María Alborés, de Boiro; Pensamentos, de Daniel Pérez, da Estrada, que compartiu o segundo premio con Bruno Veloso, de Vigo, con Bágoas presas, sendo o terceiro tamén compartido entre Leire Ramallo, de Vigo, con Vestixios, e Aldara Vázquez, de Vigo, con Traspasar.
En moda levou o primeiro premio Uxía Loureiro, de Ponteareas, con Corpus Christi; o segundo, Ana Román, de Vigo, con Lilas, e Laura Villar, de Lugo, conseguiu o terceiro con Lembranza.
No apartado de música o primeiro posto recaeu en Sara Gimeno, de Cangas, con Quérote e Dans les rues de Bordeaux; o segundo en Juan Arca, de Vigo, con Sangue no canal e Peixe no millo, e o terceiro en Pablo Sexto, de Santiago de Compostela, con Paganini Lost e Jun Nagao.
A especialidade de novela curta premiou a obra A vinganza de Paquiño Jackson, de Alba Guzmán, de Ourense; en segundo lugar Carmilla e achegados, de Aaron Barreira, de Culleredo, e en terceiro O que ocultan as sombras, de Marcos Gómez, de Rianxo.
Mentres, en poesía recoñeceuse a Alexande Guerra, de Celanova, con Anfisbena do salitre; a Xián Lois Alcayde, de Culleredo, con Éxodo, e a Sofía Fernández, de Allariz, con Canícula.
Na categoría de teatro foi merecedor do primeiro premio na modalidade Pro a compañía Coidadobastón!, de Redondela, coa obra Recordari; do segundo t.E.T.a, de Ourense, coa peza Que importante é e que pouco se fala, e Nauta Teatro, de Teo, con Ephímeros. No que respecta ao apartado Amador, gañou o grupo Ska-Rnio, de Rianxo, con Fraktal; seguido de La Barata, de Santiago de Compostela, con Ingobernábeis (Apto/non apto), e de Esteta, de Taboadela, con A puta namorada.
Finalmente, foi galardoado co primeiro premio en videocreación Mario Fernández, do Carballiño, coa obra Liminal Station; Raquel Álvarez, de Vigo, con Estruturas. Apuntes de San Sadurniño, e Esperanza Valentina Castro, de Ourense, con Necesidade existencial.