Xuventude Galicia Net chega á súa 19ª edición a vindeira fin de semana
martes, 8 de outubro do 2019
A directora xeral de Xuventude, Participación e
Voluntariado, Cristina Pichel, e o director da Fundación Semana Verde de
Galicia, Ricardo Durán, deron
a coñecer esta mañá os contidos da 19ª edición de Xuventude Galicia Net (XGN) R
Encounter, que reunirá a preto dun millar de afeccionados e profesionais da
informática do 11 a 13 de outubro no recinto Feira Internacional de Galicia
Abanca. Á presentación desta party informática tamén asistiron o
director de Empresas de R e do grupo Euskaltel, Isidro Fernández de la Calle, e
o xerente da Fundación Euskaltel, Sabino San Vicente.
A directora de Xuventude, Cristina Pichel salientou que XGN R Encounter se ten consolidado
coma unha cita de referencia para a mocidade de dentro e de fóra de comunidade,
pois cada ano aumenta o número de participantes, o programa de actividades e a
velocidade de conexión, que nesta edición se duplica ata chegar a 20 xigas.
Tamén apuntou que o obxectivo é ofrecer un espazo de ocio ao redor da
tecnoloxía, os videoxogos e a creación dixital, así como favorecer que a
mocidade galega coñeza as opcións de empregabilidade deste sector. Neste
sentido, desde este venres e ata o domingo, Galicia será o epicentro das novas
tecnoloxías e a informática grazas a este encontro no que se conxunta a
innovación, a formación e o ocio.
Pola súa banda, o responsable da Fundación Semana Verde de
Galicia destacou que a XGN R Encounter é a terceira party más importante
de España e que este ano consegue medrar máis dun 12% respecto o ano pasado,
ratificándose como punto de encontro de todos os amantes das novas tecnoloxías
e do ocio electrónico.
A XGN R Encounter deste ano vólvese repartir en tres zonas:
a Intranet, orientada para os inscritos, que poderán acampar no interior do
pavillón e participar en actividades exclusivas. A zona Extranet, cun amplo
abano de propostas tanto para inscritos como para visitantes que acudan ao
recinto; e o espazo expositivo para as empresas relacionadas co material
informático, as novas tecnoloxías e o ocio electrónico.
Nas actividades da zona Intranet destacan os concursos de
arte dixital nas súas tres vertentes: creación de imaxes, música e
programación. Non falta tampouco o hardware, con modificación e personalización
de equipos ou as granxas de impresoras 3D. Así mesmo, desenvolveranse
competicións para PC e videoconsola.
Entre os contidos da zona aberta para todos aqueles que se
acheguen ao recinto cómpre apuntar o programa de conferencias, que abordarán
temas como os negocios na Internet, a seguridade e a privacidade na Rede ou as
últimas novidades no desenvolvemento de software. Tamén terá lugar unha xornada
de empresas organizada por R e obradoiros de robótica e de chovafoam, material
para o vestiario de cosplay (actividade consistente en empregar disfraces e
accesorios para representar unha idea ou un personaxe dun videoxogo, cine,
manga ou banda deseñada).
A programación deste ano tamén inclúe outras alterativas de
ocio, como xogos de mesa, xadrez, billar, pistas deportivas, zona de consolas,
espazos de realidade virtual, campionato de karting, partidos de fútbol
burbulla, un rocódromo, unha zona de rol e outra de nerf ou unha exposición de
figuras de ciencia ficción.