Xuventude de Lugo dá a coñecer os perfís premiados no certame de TikTok

venres, 15 de xaneiro do 2021 S. P.

O concurso lanzado por Xuventude de Lugo para estimular a creatividade da mocidade na rede social TikTok (ao abeiro do programa de actividades de lecer seguras #nadalnacasa) xa ten perfís premiados.
A dita competición, impulsada polo departamento de Ana González Abelleira, naceu coa vontade de achegar novos xeitos de lecer sen renunciar á diversión potenciando o concepto dun #nadalnacasa, coa posibilidade de participación individual ou conxunta, cun máximo de 3 persoas na mesma formación.
Dende o punto de vista da concelleira de Xuventude a campaña resultou óptima: “Xa que 1.992 persoas visualizaron os diferentes vídeos que se elaboraron. Unhas cifras de impacto directo que sinalan que todas elas son susceptibles de recibir a mensaxe e, cando menos, reflexionar sobre a responsabilidade persoal e colectiva que tiñamos, como sociedade, nestas semanas de Nadal”.
Indo xa aos perfís premiados, foron: @nee-smilee (individual), @paquetitos_becaria (individual) e @avilarmk (colectivo) que recibirán como recompensa un vale de 20€ ou 60€ para gastar en calquera dos establecementos de restauración de Lugo.
Engadir que a repercusión desta iniciativa resúmese na cifra de 116 persoas usuarias desta rede social que interactuaron con ela premendo o botón de gústame, traducíndose isto nun aumento do 18% no número de seguidores actuais do perfil @xuventudelugo.

PUBLICIDADE