Xuventude de Lugo mostra á mocidade lucense como reparar equipos informáticos e móbiles

xoves, 10 de abril do 2025 S. P.

A Concellería de Xuventude de Lugo que dirixe o edil Jorge Bustos impulsa unha nova actividade formativa de balde dentro do programa +XTi 24-25, co-financiado polo Ministerio de Sanidade a través do Plan Nacional sobre Drogas. Trátase dun curso básico de iniciación á reparación de equipos informáticos e telefonía móbil, dirixido á mocidade lucense de entre 18 e 35 anos.
As sesións desenvolveranse no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, na sala C do segundo andar, os venres pola tarde e sábados pola mañá, durante os meses de abril, maio e xuño. En total, impartiranse 60 horas de formación práctica entre os días 25 e 26 de abril; 2, 3, 9, 10, 16, 23, 24, 30 e 31 de maio; e 6 e 7 de xuño.
“Este curso, que en edicións anteriores tivo unha excelente acollida na súa versión centrada na reparación de móbiles, volve este ano cun enfoque máis amplo e moi práctico, adaptado aos intereses da mocidade e pensado tamén para mellorar as súas oportunidades no mercado laboral”, sinalou Bustos, ao tempo que destacou que “apostamos por unha programación atractiva e útil, que lles permita aos participantes adquirir coñecementos técnicos sen necesidade de experiencia previa”. Engadiu tamén que “a combinación entre aprendizaxe teórica e práctica é un dos piares deste curso, pensado para que os rapaces e rapazas saian con competencias reais e aplicábeis”.
Entre os contidos do curso inclúense aspectos como a identificación dos compoñentes dun PC, o funcionamento da BIOS, as conexións e tarxetas, os periféricos ou o uso de Internet para buscar comparativas de prezos e información técnica, todo isto sen precisar coñecementos previos.
O prazo de inscrición permanecerá aberto do 14 ao 23 de abril e deberá realizarse a través da web Lugomasxti.org (na pestana Actividades/Inscricións). As prazas, un total de 15, asignaranse por rigorosa orde de inscrición entre as persoas que cumpran os requisitos: ter entre 18 e 35 anos e estar empadroadas, residir ou estudar no municipio de Lugo. Para máis información, as persoas interesadas poden chamar ao 982 297 498.