YI HALO a nova solución de Google para gravar vídeo en 360 graos

luns, 24 de abril do 2017 Marcus Fernández

Hai preto dun par de anos Google presentou Jump, unha solución de captura de vídeo en 360 graos desenvolvida en colaboración co GoPro, e que daría lugar a unha solución comercial chamada Odyssey, que consistiría en 16 cámaras GoPro HERO4 Black adaptadas para a gravación de vídeo envolvente en 8K e que saíu a un prezo de 15.000 dólares, e agora Google dá conta dunha nova xeración de Jump, a cámara YI HALO, que busca dar un maio control aos creadores de contidos e unha maior flexibilidade para experimentar, ofrecendo previsualización en tempo real a través dunha aplicación para Android.
Esta nova solución integra 17 cámaras 4K (a cámara adicional fronte a solucións anteriores sería unha cámara superior) nunha forma cilíndrica con 28,7 centímetros de diámetro e 19,2 centímetros de alto que con batería (cunha autonomía de 100 minutos) tería un peso de 3,5 quilogramos que permite vídeo estéreo de 360 graos a 8K e 30 imaxes por segundo ou a 6K a 60 cadros por segundo, conseguindo unha sensación inmersiva impresionante, grazas en boa medida por empregar a tecnoloxía de cosido mellor do mercado.
A YI HALO sairá á venda no verán (a un prezo de 16.999 dólares), aínda que Google está a preparar un programa de probas no que ofrecerán a nova cámara a un cento de creadores audiovisuais para que poidan facer a súa visión do vídeo en 360 graos realidade, e contribúan así ao desenvolvemento e a popularización dun xeito de filmar revolucionario.

Google achegará a YI HALO a un cento de creadores para que demostren o que poden facer con tal sistema de filmación en 360 graos

PUBLICIDADE