Yahoo Respuestas bota o peche

martes, 6 de abril do 2021 Marcus Fernández

Unha das páxinas web máis coñecidas da Internet, non por resultar práctica (pese a que fose a súa intención), senón por terse convertido nun exemplo de contido absurdo e pouco fiable, Yahoo Respuestas, tira finalmente a toalla, e anuncia o seu peche definitivo o 4 de maio, aínda que dende o 20 de abril o espazo web estará dispoñible só en modo de lectura.
Os usuarios que desexen conservar o seu contido en Yahoo Respuestas poderán solicitar a descarga de datos até o 30 de xuño, aínda que non é unha opción que confíen que sexa moi solicitada, xa que a información remitida estaría en formato JSON e só incluiría as preguntas e as respostas do propio usuario, polo que a utilidade de preservar tal información sería practicamente nula e simplemente respondería a unha esixencia legal.
O peche de Yahoo Respuestas non afecta ás contas de Yahoo nin a outros servizos baixo a mesma marca, que líbranse da carga de ter que soster un servizo de preguntas e respostas que rematou converténdose nun espazo cómico, no que os usuarios compiten por facer as preguntas máis tolas e as respostas máis orixinais ou retranqueiras.

PUBLICIDADE