Yeti X, o novo micrófono USB para creadores de contidos en liña

martes, 17 de setembro do 2019 Marcus Fernández

No panorama do podcasting ten bastante boa sona a marca Blue, pola súa ampla gama de micrófonos que facilitan a captación de audio de calidade dende equipos informáticos, e que para o mes que vén vai pór á venda un atractivo micrófono USB, o Yeti X, que busca atender as demandas de xogadores, streamers e podcasteiros.
O Yeti X de Blue presume de ser o micrófono USB definitivo para creadores e streamers, achegando un son de nivel profesional a creadores de Twitch, YouTube e podcasts, que integra 4 cápsulas de condensadores no seu interior e permite escoller entre 4 patróns de captación (cardiode, omnidireccional, bidireccional e estéreo), á vez que conta cun botón intelixente multifunción iluminado que permite monitorizar e axustar o nivel da voz en tempo real (o que resulta especialmente práctico na gravación de vídeo, xa que non hai que afastarse de diante de cámara para comprobar que o nivel da voz é correcto).
O novo micrófono, que venderase a un prezo de 169,99 dólares, inclúe o software de audio Blue VOICE, un conxunto de efectos vocais que facilitan a obtención de son profesional en tempo real mediante preseleccións que conseguen unha voz de radio clásica, nítida e moderna, cálida e vintage, ou crear un son de seu, cun selo único. Tamén inclúe filtros de-popper, de-esser, de redución de ruído, compresor, limitador...

O software incluído co micrófono permite numerosos axustes e efectos

Vídeo promocional do Yeti X de Blue

PUBLICIDADE