YouTube abre o picture-in-picture aos usuarios de balde

xoves, 30 de abril do 2026 Redacción

Dende hai anos os subscritores de pagamento de YouTube poden gozar nos seus dispositivos móbiles da funcionalidade picture-in-picture, ou sexa, que poden manter unha fiestras flotando na pantalla coa reprodución de vídeo actual mentres manexan outras aplicacións, o que pode resultar de utilidade cando temos que atender outras tarefas e non queremos interromper a reprodución ou simplemente estamos a seguir un evento en directo, así como para cando empregamos YouTube como ambientación musical.
Dende Google consideraban que esta funcionalidade tiña atractivo dabondo como para limitala aos usuarios de pagamento, pero iso vai mudar lixeiramente e de xeito paulatino durante os vindeiros meses, pois anuncian que YouTube está a ampliar o picture-in-picture a máis usuarios.
Se ben os usuarios Premium de YouTube seguirán a gozar da funcionalidade sen cambios, os usuarios de balde fóra dos EE.UU. poden agora acceder a vídeos de YouTube en formato longo nunha fiestra pequena flotante en Android e iOS, aínda que cómpre salientar que esta nova prestación non está dispoñible para contidos musicais (que continuarán a ser exclusivos dos subscritores de pagamento).
Para gozar deste cambio é preciso ter actualizada a aplicación de YouTube e, no caso de iOS, contar como mínimo coa versión 15 do sistema operativo.