YouTube adoptará identificadores de canle precedidos por unha @

luns, 10 de outubro do 2022 Marcus Fernández

Nos últimos anos fíxose habitual asociar o símbolo da @ con nomes de usuario en plataformas sociais como Twitter, Instagram ou TikTok e agora é YouTube a que se suma á tendencia, de xeito que os creadores de vídeo poderán empregar un identificador que facilita a súa localicación, así como a interacción con eles.
Estes novos identificadores aparecen tanto nas páxinas das canles de YouTube como nos Shorts, buscando que sexan claramente identificables, para que máis adiante se espalle o uso destes nomes de usuario para mencións en descricións de vídeos, comentarios e publicacións na sección de Comunidade, na liña de como funcionan as mencións noutras plataformas sociais.
Actualmente o identificador corresponderíase ao URL personalizado da súa canle e, en caso de non contar con un destes enderezos, durante o vindeiro meses os creadores recibirán unha notificación para que poidan escoller un identificador ou para mudar o seu identificador actual se así o quixesen, agora que serán máis importantes para facer un uso consistente da súa presenza en YouTube.

PUBLICIDADE