YouTube asegura ter máis de mil millóns de espectadores de podcasts

mércores, 26 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

Aínda que a percepción que se tiña actualmente é que Spotify era o grande impulsor global do podcasting, levando este tipo de consumo sonoro ao grande público, dende Google non parecen estar moi conformes con tal punto de vista e aseguran que YouTube é o servizo a través do que os usuarios estadounidenses consumen podcasts con máis frecuencia e incluso chegan a presumir de ter superado a barreira dos 1.000 millóns de espectadores activos de contido de podcast en YouTube.
Falamos dun volume de espectadores impresionante, que dá a entender que o podcasting ten máis público que nunca, aínda que habería que coller estes resultados con pinzas, xa que non podemos esquecer que YouTube está a chamar podcast a contidos con vídeo, polo que resulta difícil separar os podcasts das canles de YouTube tradicionais. De feito, destacan que boa parte deste consumo non se realiza en mobilidade, senón no televisor, estimando que cada mes se consumiu no salón unha media de 400 millóns de horas de podcasts.