YouTube empregará a IA para axudar as vítimas de hackeos

xoves, 22 de agosto do 2024 Marcus Fernández

Un dos grandes problemas para os creadores de contido é a vulneración da seguridade das súas contas en plataformas sociais, ante as que padecen unha grande indefensión por parte dos poucos recursos que a plataformas dedican para a protección e recuperación das contas, e para avanzar nesta liña YouTube anuncia o lanzamento dunha ferramenta de resolución de problemas, que vén a ser un chatbot que axuda aos creadores ante posibles hackeos da súa conta.
Esta nova ferramenta está polo momento só dispoñible en inglés para un grupo reducido de usuarios, e limita a asistencia aos primeiros pasos ante un problema de seguridade, axudando aos usuarios a recuperar a seguridade da súa conta e a súa restauración.
Non parece que estamos ante unha ferramenta especialmente avanzada, pero indicaría o camiño polo que está a progresar o servizo de soporte, cada vez máis automático, para desgraza dos usuarios, cada día máis desprotexidos.
O propio anuncio de youTube suxire que os usuarios que non estean cómodos con este tipo de servizo de atención ao cliente que contacten con @TeamYouTube a través de X (ou sexa, que para dar unha atención personalizada tiran proveito dunha plataforma de comunicación da competencia).