YouTube estrea un formato de vídeo en 180 graos

venres, 23 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Os vídeos en 360 graos levan un tempo presentes en plataformas como Facebook e YouTube, permitindo experimentar unha sorte de realidade virtual na que o espectador elixe o ángulo de visión, para así poder fixarse nos elementos que lle resulten de maior interese durante espectáculos, encontros deportivos, concertos... pero supondo un grande reto para os creadores, por non ser doado crear contidos que poidan experimentarse satisfactoriamente en 360 graos (especialmente pola dificultade para centrar a atención do espectador en elementos concretos) o que levou a que YouTube estrease un novo formato chamado VR180.
Con VR180 dende YouTube queren que os usuarios de cascos de realidade virtual como o cartón de Google, dispositivos Daydream ou PlayStation VR poidan gozar de vídeos estereoscópicos (3D) nos que poden elixir o ángulo de visión, pero centrándose no que está diante da cámara, ou que estaría a medio camiño entre as 3D e os 360 graos, e ofrece unha experiencia de visualización bastante atractiva, que permite que os usuarios que non teñen cascos de realidade virtual tamén poidan gozar dos contidos sen problema.
Para facilitar a produción de contidos en VR180 Google chegou a acordos con Lenovo, LG e YI Technology, de xeito que no inverno teremos no mercado varias cámara que simplificarán considerablemente a produción de contidos en 180 graos con este estándar de YouTube, estando aberto o programa de certificacións a outros fabricantes, polo que confíanse en que en poucos meses poidamos contar con numerosos xeitos de producir vídeo en VR180.
Aínda que podemos ver o formato VR180 como un paso atrás, de cara aos creadores de contidos máis tradicionais supón un interesante avance que permite trasladar os seus fluxos de traballo dun xeito pouco traumático á vez que ofrece unha experiencia atractiva para os espectadores.

Un dos vídeos de exemplo en VR180

PUBLICIDADE