YouTube para iOS xa permite facer streaming de aplicacións

martes, 5 de setembro do 2017 Marcus Fernández

A aplicación de YouTube para iOS estrea versión 12.34, e esta no actualización que corrixe erros e mellora a estabilidade, tamén incorpora unha novidade moi atractiva: a posibilidade de realizar retransmisións de vídeo en directo empregado ReplayKit, un framework de Apple que permite gravar ou transmitir vídeo da pantalla e son de aplicacións e micrófono.
Isto quere dicir que en aplicacións compatibles con ReplayKit será posible retransmitir en vivo a imaxe na pantalla do iPhone ou do iPad, o que agradecerán especialmente os usuarios que queiran amosar as súas partidas de videoxogos ao mundo, sendo posible tamén captar e integrar a imaxe (captada pola cámara frontal do dispositivo) e a voz do usuario en pantalla para ofrecer así un tipo de retransmisión moi habitual no mundo do PC, pero que agora podería popularizarse no contorno móbil.
Dado que YouTube tamén mellorou a súa tecnoloxía de retransmisión para conseguir retardos de só un par de segundos, temos que a interacción entre o youtuber e a súa audiencia será moi fluída, polo que será cada vez máis frecuente ver a xogadores amosando a súa pericia en xogos móbiles e compartindo trucos e consellos cos seus seareiros.

PUBLICIDADE