YouTube promete máis medidas contra os vídeos tóxicos

venres, 9 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Logan Paul está a converterse no exemplo das medidas de YouTube contra os vídeos que prexudican á comunidade de creadores por provocar a fuxida de anunciantes

O escándalo provocado por Logan Paul ao filmar un vídeo no célebre bosque dos suicidios no Xapón resístese a pasar ao esquecemento e, aínda que parecía que YouTube rematara este capítulo simplemente expulsando ao autor do programa Google Preferred, finalmente decidiron suspender temporalmente a publicidade nas súas canles atendendo ao seu patrón de comportamento recente, que consideran que prexudica tanto a anunciantes como á comunidade de creadores. Tras a polémica ao redor do suicidio, Paul mantivérase afastado de YouTube de xeito preventivo, pero co seu retorno volveu ás andadas, con moitos comportamentos que boa parte da audiencia consideraba ofensivo, de aí que YouTube tivese que adoptar unha medida exemplarizante.
Dende YouTube chegaron a publicar unha entrada no seu blog para creadores asegurando que o comportamento dalgúns youtubeiros prexudica a toda a comunidade, xa que os contidos pouco axeitados poden ofender ao público, afastar a anunciantes e, en definitiva, prexudicar a todo o ecosistema de YouTube, ou sexa, que o mal comportamento en liña ten consecuencias no mundo real, polo que prometen que tomarán medidas para que o comportamento duns poucos non afecten ao 99,9% restante que utilizan as canles en liña correctamente.
As novas pautas de comportamento de YouTube no que respecta á publicidade inclúen un sistema de infraccións que poderían chegar ao peche dunha canle.
A partires de agora advirten que cando vexan que unha canle sube vídeos que poden ser nocivos para a comunidade de creadores, os espectadores e os anunciantes tomarán varias medidas: eliminar a canle de Google Preferred e outros programas semellantes; suspender a posibilidade de monetizar unha canle mediante publicidade; e tamén facer que os seus vídeos non aparezan recomendados en YouTube (reducindo a súa visibilidade).
Dende YouTube admiten que no pasado as súas respostas ante as polémicas foron lentas e non sempre efectivas, polo que agora comprométense a operar mellor e manter unha comunicación máis clara.

PUBLICIDADE