YouTube trae a España os seus servizos de subscrición de pagamento

luns, 18 de xuño do 2018 Marcus Fernández

YouTube leva anos ofrecendo en mercados como o estadounidense diferentes opcións de pagamento, que agora amplían a súa dispoñibilidade xeográfica chegando a novos países como España, onde xa podemos contratar YouTube Music e YouTube Premium.
YouTube Music é o novo servizo de música en streaming de YouTube, dispoñible por 9,99 euros/mes (ou cunha opción de 14,99 euros/mes para o plan familiar) e que presume de contar cun catálogo musical moi completo, no que figura numeroso material difícil de atopar (como actuacións en directo, versións...), que como outros servizos semellantes tamén inclúe listaxes de reprodución para axudar a descubrir nova música, recomendacións personalizadas e a posibilidade de descargar os contidos para o seu consumo sen conexión, podendo tamén aproveitar a intelixencia de Google para permitir buscas complexas (como identificar cancións pola súa letra).
O outro servizo que chega agora a España é YouTube Premium (inicialmente lanzado como YouTube RED nos EE.UU.) e que por 11,99 euros/mes para o plan individual ou 17,99 euros/mes para o plan familiar ofrece, aparte de YouTube Music, a posibilidade de gozar de contido exclusivo de YouTube Originals, vídeos sen anuncios, reprodución en segundo plano e descargas.
Ambos servizos poden probarse de balde, pero semella bastante complicado que a súa contratación vaia ser significativa en España, xa que estamos ante servizos que chegan moi tarde, cunha competencia moi madura e consolidada, e ofrecendo un valor engadido que dificilmente xustifica o prezo dos servizos.

PUBLICIDADE