YouTube veta os vídeos de retos perigosos e bromas crueis

mércores, 16 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Cada vez é máis frecuente que as plataformas sociais en liña sexan catalizadores de discursos de odio, actos violentos ou incluso accións temerarias, e para pór freo a iso dende YouTube decidiron endurecer as súas normas, de xeito que serán máis rigorosos cos creadores de contidos para protexer aos usuarios.
Por exemplo, cando agora un creador empregue unha miniatura personalizada que viole as normas (por exemplo, por amosar pornografía ou violencia) recibirá un aviso, que podería facer que perdese a posibilidade de empregar miniaturas personalizadas e, de recibirse 3 avisos en 90 días suporía a eliminación total da súa conta de usuario.
No caso das ligazóns externas, que non poderán levar a contidos pornográficos, malware ou spam, tamén teremos a norma de que 3 avisos en 90 días suporán a cancelación da conta de usuario.
Pero o máis salientable das novas normas é que inclúen aos desafíos perigosos e ás bromas, o que para moitos é todo un xénero dentro de YouTube, polo que moitas canles podería estar en risco de desaparecer se continúan a fomentar condutas que poidan supor un serio perigo físico. Ou sexa, que YouTube trazará unha liña entre a seguridade pública e o humor, deixando claro que cousas como os retos que instan a tomar cápsulas de deterxente líquido ou a realizar accións cos ollos pechados imitando ao filme A Ciegas non teñen cabida en YouTube. Tamén quedan totalmente prohibido o vídeos nos que pode traumatizarse a cativos por mor do que algúns consideran unha broma, pero que non deixa de ser unha crueldade con consecuencias a longo prazo (como finxir falecementos ou abandonos).
Dende YouTube dan un prazo de 2 meses para que os creadores de contidos borren das súas canles os vídeos que vulneran as novas normas, á vez que aseguran que os vídeos publicados con anterioridade non suporán avisos que poidan levar á perda das contas de usuario, pero serán rigorosos a partires de agora.

PUBLICIDADE