Youtubeiras desembarca nos centros de ensino de Santiago, Pontevedra e Moaña

xoves, 9 de novembro do 2023 S. P.

Ao abeiro do proxecto Youtubeiras, destinado a encher as redes de audiovisuais en galego (e a premiar os esforzos das nosas novas creadoras e creadores), María Rúa, da canle PradoRua, e Nuria P. Espasandín, da canle Toxío, arrincaron os encontros co alumnado nunha xira de obradoiros que nunha primeira quenda visita centros educativos de Santiago, Pontevedra e Moaña.
7.500 euros en premios
Os Premios Youtubeiras, que repartirán 7500 euros entre as persoas gañadoras nas diferentes categorías, manteñen o prazo de inscrición aberto até o vindeiro 17 de novembro ás 23:59 h. Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de Normalización Lingüística de Ames, Carballo, O Grove, Moaña, Pontevedra, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, da Deputación da Coruña e da Universidade de Vigo, da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade da Coruña
Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de Normalización Lingüística de nove concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación en galego no YouTube con temáticas e formatos diversos, así como de promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, está inmerso xa no seu programa de visitas de difusión e formación a centros de ensino para achegar á rapazada o traballo de youtubeiros e youtubeiras de gran repercusión na nosa lingua.
María Rúa e Nuría Espasandín collen a remuda
Se en edicións anteriores, Mario Brión ou Nee Barros conduciron os encontros co alumnado, este ano María Rúa, da canle PradoRua, e Nuria P. Espasandín, da canle Toxío, son as encargadas de levar a súa experiencia ao alumnado de centros pertencentes aos diferentes concellos que promoven o proxecto Youtubeiras dende o ano 2017. Nunha primeira quenda desta xira de difusión, as dúas creadoras están a acudir a centros de Pontevedra, Moaña e Santiago de Compostela para amosar á rapazada a realidade do galego como ferramenta de creación e posicionamento na Rede, as súas traxectorias como creadoras audiovisuais e as claves precisas tanto para coñecer este mundo virtual como para sumarse a el.
En concreto, esta campaña de difusión polo sistema educativo principiou xa o pasado 27 de outubro no Colexio Plurilingue Calasancio e continuou o martes 31 no CIF Carlos Oroza, ambos os dous de Pontevedra. O pasado venres 3 de novembro as youtubeiras achegáronse ao IES As Barxas de Moaña e as seguintes paradas serán no IES Pontepedriña (Santiago, 10 de novembro), no IES Luís Seoane (Pontevedra, 14 de novembro), no IES Valle-Inclán (Pontevedra , 21 e 28 de novembro) e no IES Sánchez Cantón (Pontevedra, 24 de novembro). Os centros pertencentes aos concellos promotores de Youtubeiras pódense inscribir para participar nesta campaña de difusión a través do correo premios@youtubeiras.gal.
Prazo ata o 17 de novembro
Os Premios Youtubeiras, que neste 2023 acadan a súa sétima edición, manteñen aberto o prazo de inscrición até o vindeiro 17 de novembro ás 23:59 h. As persoas participantes deberán inscribirse a través da web youtubeiras.gal e os vídeos que se presenten deberán ter data de subida posterior ao 15 de novembro do 2022. As categorías este ano volven ser as seguintes: Canle, Youtubeira, Youtubeira Revelación, Vídeo, Calidade Lingüística, Pioneiro, Rede e o Premio do Público. Todos os apartados están dotados con 1.000 euros, agás o último ao que se destinan 500 euros. En total, o certame reparte entre as propostas gañadoras 7500 euros. Ata o de agora, inscribíronse 33 canles para concorrer nesta sétima edición.
O xurado deste 2023 está formado por Nee Barros (@neeumatiko), divulgadore cultural, escritore e youtubeire, quen se fixo co galardón a Youtubeira/o na pasada edición; Fátima Souto Muñiz, bolseira do Servizo de Normalización do Concello de Ames; Irene Pin, creadora audiovisual; Rodri Míguez, xornalista musical e membro de equipos de comunicación de festivais e artistas, e Belén Puime, creadora de contido audiovisual a través do perfil @pringadas.serie tanto en TikTok como en Instagram.

PUBLICIDADE