Youtubeiras entregou en Carballo os oito premios da súa sexta edición

luns, 30 de xaneiro do 2023 S. P.

O certame Youtubeiras chegou esta fin de semana ao remate da súa sexta edición, co obxectivo renovado e fortalecido de encher YouTube e outras redes sociais de contidos audiovisuais en galego, destacábeis non só pola súa cantidade senón tamén pola súa cantidade. O palmarés do proxecto, organizado polos servizos de normalización lingüística de doce concellos (Ames, A Baña, Carballo, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo), das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña, premiou a Toxío, Neeumatiko, Histérikas Histórikas, Piratas sen parche, Falemos do Reino de Galicia, Pingando-Laura Veiga, Lobeira Today e Xabi Gómez.
Durante a gala celebrada en Carballo, que foi conducida pola actriz Cristina Collazo e contou coa actuación musical de LaMontagne e PicoAmperio, entregáronse os oito galardóns que conformaron os Premios Youtubeiras nesta sexta convocatoria. En total, repartíronse 7.500 euros en premios e cada persoa gañadora recibiu un diploma acreditativo xunto a unha medalla simbólica deseñada para a ocasión por Nahuel Pérez.

Toxío, Premio á Canle 2022

1. O Premio á Canle recaeu en Toxío. O xurado, na súa acta, destacou a súa “alta calidade comunicativa, técnica e estética, así como a continuidade e periodicidade dos contidos cun dominio emocional e ético”.
2. O Premio á Youtubeira/o recoñeceu a Neeumatiko. No ditame do xurado celébrase o seu carácter de “referente do YouTube en galego” e a súa alta “capacidade comunicativa e lingüística”.
3. O Premio Youtubeira/o revelación foi para Histérikas Histórikas. “Por unha forma fresca de presentar contidos, cunha alta repercusión, cun formato innovador no YouTube galego”, subliñou o xurado.
4. O Premio Vídeo levouno Piratas sen parche polo vídeo Eduardita. O xurado puxo en valor a calidade técnica, a creatividade e “a súa orixinalidade á hora de transmitir a mensaxe”.

Neeeumatiko, Premio Youtubeira/o

5. O Premio Calidade Lingüística galardoou a canle Falemos do Reino de Galicia pola súa “capacidade para manter os trazos dialectais nun rexistro culto e normativo”. O xurado tamén salientou a forma de usar a lingua: “natural e sen complexos”.
6. O Premio Pioneiro conquistouno Pingando-Laura Veiga. O xurado pon en valor o seu xeito de “introducir unha nova temática na Rede galega dunha forma innovadora e atractiva”, demostrando unha vez máis que “a lingua non ten cancelas”.
7. O Premio Rede recaeu en A Lobeira Today. “Pola súa constancia para fortalecer a comunidade virtual galega, por crear e manter vínculos e asociacións”, explicou o xurado no seu ditame.
8. O Premio do Público quedou en mans do vídeo Bembibre coas Tanxugueiras, de Xabi Gómez, por ser o vídeo máis votado polo público.

Asistencia

Laura Veiga, premio revelación

A gala de entrega celebrouse no Pazo da Cultura de Carballo. Asistiron representantes institucionais das entidades organizadoras. Así, no patio de butacas atopábanse os alcaldes de Carballo, Evencio Ferrero; de Negreira, Manuel Ángel Leis, e de Rianxo, Adolfo Muíños. Por parte da Deputación da Coruña, acudiu á gala María Muíño, deputada de Igualdade e Normalización Lingüística, que subiu ao escenario ao comezo da gala para lle dar a benvida á concorrencia na compaña de Maruxa Suárez Cotelo, concelleira de Normalización Lingüística de Carballo, e a coordinadora do proxecto Youtubeiras, Carme Pereiro.
Ao escenario tamén subiron para facer entrega de diferentes galardóns o tenente de alcalde de Rois, Manuel dos Santos; o concelleiro de Políticas Lingüísticas de Santiago de Compostela, Rubén Prol; o concelleiro de Normalización Lingüística de Moaña, Aldán Santamarina; o concelleiro de Educación de Ames, David Santomil, o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela, Gumersindo Feijoo, e o secretario xeral da Universidade da Coruña, Carlos Aymerich.

Piratas Sen Parche

O xurado desta edición, que tivo que escoller entre as 75 canles presentadas e que seleccionou un total de 22 propostas finalistas, estivo conformado por Mario Brión, gañador do Premio Youtubeira/o en 2021; Mónica Fernández Valencia, técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense e coordinadora de Youtubeiras nas primeiras catro edicións; Carmen Nieto, dinamizadora e formadora no eido das novas tecnoloxías, promotora da canle Teño unha horta en San Sadurniño; Elvira Nercellas, estudante e integrante do Grupo por unha Medicina en Galego, e Alba Rodríguez, administrativa que deu a coñecer o seu cambio de lingua a través de Twitter no ano 2018. Todos os premios contan cunha dotación económica de 1.000 euros, agás o Premio do Público que dispón de 500 euros.

PUBLICIDADE