Youtubeiras+ ofrece obradoiros de creación dixital a outras entidades

luns, 4 de agosto do 2025 S. P.

Nuria Espasandín, Sergio Casal e Laura Veiga serán as encargadas de impartir os contidos

O proxecto Youtubeiras+, no que participan os servizos de normalización lingüística de dez concellos (Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo), das tres universidades e da Deputación da Coruña, abriu este verán a outras entidades, por vez primeira, o prazo para solicitar a organización de obradoiros formativos de creación de contidos dixitais.
O obxectivo desta iniciativa é “fomentar a creación de contidos dixitais en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos no noso idioma na Rede”.
Como cada ano, o proxecto Youtubeiras+ ofrecerá cursos de formación cun enfoque teórico-práctico, dirixidos a adquirir as habilidades e estratexias necesarias á hora de ter presenza e gozar de recoñecemento no contorno dixital, para centros educativos, para docentes e para o público xeral. Desta volta, serán impartidos por Nuria Espasandín e Sergio Casal, da canle Toxío, e Laura Veiga, de Pingando. A formación destinada aos centros de ensino ten dous posibles formatos segundo o obxectivo que se procure e os perfís do alumnado. A primeira modalidade consiste nun obradoiro introdutorio de 50 minutos en que se dan a coñecer as bases mínimas para comezar a crear contido en Internet. O segundo formato esténdese ata os 100 minutos de duración, con sesións prácticas.
Os obradoiros para docentes teñen como obxectivo mostrar ao profesorado aquelas ferramentas que lle permitan comprender e integrar as redes sociais e a creación de contidos na aula como recursos educativos. Por último, as sesións formuladas para o público xeral –pensadas para ter lugar nos centros socioculturais, casas de mocidade ou asociacións veciñais dos concellos organizadores– terán como temas principais a identidade, a diferenciación dentro do ecosistema dixital e a planificación de contidos a medio e longo prazo.
Pódese obter máis información sobre estes obradoiros ou directamente solicitalos na páxina web do proxecto Youtubeiras ou escribindo ao correo premios@youtubeiras.gal. No mes de setembro convocarase a IX edición dos Premios Youtubeiras+ e desvelaranse grandes novidades, segundo confirmou o Concello de Narón, co-impulsor da iniciativa, engadindo que se vai manter a contía dos premios, 7.500 euros, con sete categorías, algunhas delas novas. Na edición anterior, un total de 89 canles concorreron ao certame, das cales 49 procedían de YouTube e as 40 restantes de TikTok.