ZTE non poderá empregar procesadores de Qualcomm por mor dunha sanción

luns, 16 de abril do 2018 Marcus Fernández

A ofensiva do Goberno dos EE.UU. contra os fabricantes chineses de teléfonos móbiles xa non se limita a recomendar evitar a súa compra no territorio norteamericano (e presionar ás compañías de telecomunicacións para frear a expansión destas marcas) senón que agora podería escalar a un nivel inédito entre países nos que hai libre comercio, xa que o Departamento de Comercio dos EE.UU. vén de prohibir ás compañías estadounidenses a exportación dos seus produtos a ZTE, ao parecer, por ter a compañía chinesa enganado ao Goberno dos EE.UU. cando solicitou información sobre a exportación de equipamento de telecomunicacións a Irán e Corea do Norte.
Aínda que a simple vista parecería que tal decisión non tería efecto para ZTE, xa que os seus produtos fabrícanse en China, resulta que o fabricante de procesadores móbiles de referencia, Qualcomm, é norteamericano, ou sexa, que ZTE non podería mercar procesadores Snapdragon por mor do veto estadounidense. Falamos dunha medida que chamaría a revisar o catálogo de smartphones de ZTE dun xeito profundo, xa que actualmente os principais teléfonos de referencia do fabricante chinés están equipados con procesadores de Qualcomm, e só emprega procesadores de MediaTek non seu terminais máis económicos.

PUBLICIDADE