ZTE presenta novos móbiles con LTE e Android 4.0

luns, 20 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

O fabricante chinés ZTE anuncia que a semana que vén vai achegar ao Mobile World Congress de Barcelona 2 novos terminais que presumen de conectividade LTE e sistema operativo Android 4.0, que correrán a velocidades de 1,2 e 1,5 GHz, demostrando que pode competir con xigantes como Samsung, LG ou HTC á hora de pór no mercado smartphones coa última tecnoloxía.
O ZTE PF200 será un móbil con pantalla de 4,3 polgadas con resolución qHD (960 x 540 píxeles), cámara traseira de 8 Mpíxeles e cámara frontal para videoconferencia a 1.080p, conectividade LTE/UMTS/GSM, Bluetooth 2.1, GPS, Wi-Fi, DLNA, MHL e NFC. Prestacións moi interesantes para un terminal que probablemente chegue ao mercado a un prezo moi axustado, aínda que nesa liña é de agardar que encaixe mellor o ZTE N910, que opta polas conectividades LTE/CDMA/EVDO, pantalla de 800 x 480 píxeles, cámara traseira de 5 Mpíxeles e frontal con videoconferencia a 1.080p, GPS, Wi-Fi, Bluetooth e DLNA.
A semana que vén saberase máis destes terminais que como mínimo contribuirán á competencia no sector.

O ZTE N910 terá unhas prestacións máis modestas que as do PF200

Posible terminal sorpresa

Na páxina web de ZTE tamén aparece unha imaxe do que podería ser o ZTE Mimosa X, un novo terminal aínda non anunciado oficialmente, e que contaría cun procesador de dobre núcleo nVIDIA Tegra 2 e modem nVIDIA Icera 450 HSPA+ nun único chip. Tamén contaría con pantalla qHD (960 x 540) de 4,3 polgadas, 4 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSDHC de ata 32 Gb, cámara traseira de 5 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth, DLNA e Android 4.0.

Imaxe do ZTE Mimosa X que aparece na páxina web do fabricante chinés

PUBLICIDADE