ZTE presenta un móbil con procesador Snapdragon 865

venres, 7 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

O fabricante chinés ZTE presentou oficialmente o seu smartphone Axon 10S Pro, que sorprendeu por adiantarse a Samsung na incorporación do procesador Qualcomm Snapdragon 865, aínda que haberá que ver se realmente ZTE adiantarase a Samsung á hora de colocar no mercado un smartphone co procesador de alta gama de referencia en 2020 ou se simplemente colle a dianteira por uns días á hora de facer público o dispositivo.
O ZTE Axon 10S será un smartphone con pantalla OLED de 6,47 polgadas con lector de pegadas integrado, 12 GB de RAM LPDDR5, 256 GB de almacenamento interno UFS 3.0, cámara traseira tripla (cun sensor principal de 48 Mpíxeles), cámara frontal de 30 Mpíxeles nunha pequena pestana superior central, batería de 4.000 mAh e unha conectividade que promete converterse na norma dentro dos móbiles de alta gama, ao equipar tanto 5G como Wi-Fi 6.
No Mobile World Congress de Barcelona saberemos máis deste smartphone, que probablemente terá un prezo bastante competitivo, aínda que manténdose dentro dun rango de gama alta, xa que ZTE non se caracteriza por perseguir prezos axustados ao máximo como fan outros fabricantes chineses.

PUBLICIDADE