Zeltia Lado e Carlos Vázquez visitaron a sede na Coruña de NTT Data Galicia
martes, 25 de xuño do 2024
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, acompañada do director do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), Carlos Vázquez Mariño, visitou esta mañá as instalacións na Coruña de NTT Data Galicia onde mantivo unha xuntanza cos responsábeis da compañía. Na visita-reunión os directivos da empresa debullaron os distintos proxectos que están a desenvolver na aposta polo modelo de traballo flexíbel.
Na reunión, entre outros temas, avaliaron a situación do sector TIC galego e as actuacións que no ámbito da formación para o emprego son precisas.
A directora xeral recordou que a Xunta está a asinar convenios de colaboración cos principais clústeres galegos e entidades representativas de doce sectores estratéxicos para “continuar a impulsar a formación axustada á demanda do tecido produtivo, adaptándoa ás transformacións de cada un deles”. O obxectivo, dixo, “non é outro que o de promover unha oferta que dea resposta ás demandas de competencias nun mercado laboral incurso en procesos de transformación dixital e de innovación como é o sector das TIC”.
No marco desta actuación, lembrou, asinouse co Clúster das TIC un convenio por 1 millón de euros para a realización dun cento de cursos no que participaron arredor de 2.400 persoas.
As posibilidades formativas do CNTG
Segundo salientaron Lado e Vázquez, para o sector TIC galego, tanto para traballadores como para persoas desempregadas interesadas neste eido, o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ”conta cunha programación formativa moi ampla”. Así, entre setembro de 2023 e decembro de 2024 incluíu na súa planificación a impartición dun total de 115 cursos (50 en modalidade presencial, 48 en modalidade virtual, 9 en modalidade de teleformación e 8 en modalidade híbrida) cunha oferta de 2.308 prazas e 5.877 horas de formación. Tamén 102 seminarios técnicos. No presente mes de xuño, ademais dos cursos en desenvolvemento, están previstos 12 seminarios técnicos sobre temáticas como a introdución á nube para desenvolvedores de aplicacións ou administradores de sistemas, cadea de bloques (blockchain), Intelixencia Artificial, métricas no desenvolvemento de aplicacións, dixitalización e competitividade para pemes, técnicas avanzadas de desenvolvemento e posta en funcionamento de ditas aplicacións, etc.