Zeltia Lado presenta no Microsoft AI Tour o software EMi da Consellería de Emprego

xoves, 27 de marzo do 2025 S. P.

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, presentou este 27 de marzo en Madrid a ferramenta de Intelixencia Artificial EMi no marco da xornada Microsoft AI Tour na que se dá conta de solucións innovadoras que se apoian na Intelixencia Artificial e na que se xuntan profesionais de tecnoloxía e especialistas de ciberseguridade, entre outros, para intercambiar experiencias sobre a transformación dixital en distintas entidades.
O Goberno galego foi convidado pola organización a participar nesta cita para expoñer como exemplo de transformación dixital o proceso de modernización que está levando a cabo no Servizo Público de Emprego de Galicia, coa finalidade de que “sexa un gran nodo de empregabilidade”, sinalou Zeltia Lado, engadindo que o software EMi está dispoñíbel nas 54 oficinas de emprego de Galicia, sendo unha ferramenta “pioneira en España e en Europa e premiada pola Comisión Europea”.
Segundo explicou a directora xeral, EMi apóiase na IA para casar oferta e demanda no mercado laboral e permite axustar en tempo real as demandas de man de obra do tecido produtivo aos perfís das persoas demandantes rexistradas polo servizo público, dando resposta así ao reto da cobertura de vacantes. Entre as súas vantaxes, Lado salientou que “tamén relaciona todas as características e competencias da persoa demandante con datos avanzados do mercado laboral e detecta sectores emerxentes de emprego e empresas que están contratando en cada unha das ocupacións”.
Engadiu ademais que este software permitiu realizar o perfilado competencial a arredor de de 48.000 persoas desde setembro de 2024 e que este ano a Xunta destina 1 M€ a potencialo con novas accións como unha APP. Esta aplicación permitirá á cidadanía realizar autoperfilados para beneficiarse das recomendacións na busca de emprego e enfocada especialmente á xente nova.
Colaboración con Microsoft
En liña coa modernización do SPEG e dentro “da aposta da Xunta por achegar ao público novo ás oficinas de emprego”, o Goberno galego asinou con Microsoft un protocolo de colaboración para formar en IA nun ano a ata 45.000 mozas e mozos menores de 35 anos, co obxectivo de mellorar as súas oportunidades profesionais. Esta actuación está dirixida tanto á mocidade desempregada como a aquelas mozas e mozos que queiran mellorar as súas oportunidades laborais a través do SEPG.