Zombeer estrea un trailer para celebrar a súa selección na Game Connection America

martes, 12 de marzo do 2013 Marcus Fernández

Longa está a ser a espera polo xogo Zombeer do estudo Moonbite Games, pero que non soubésemos nada deles durante un tempo tiña unha explicación: mudaron as súas oficinas de Santiago de Compostela a Barcelona, onde atoparon socios que contribuirán a que Zombeer poida ser pronto unha realidade, o que non é a única boa nova ao respecto pois Zombeer tivo a fortuna de ser elixido para figurar entre os 15 proxectos de 11 países distintos que compiten para ser galardoados co premio ao Mellor Proxecto 2013 do encontro Game Connection America que desenvolverase en San Francisco entre os días 25 e 27 de marzo.
A esta competición, patrocinada por Microsoft, concorren proxectos para consola, móbil, PC, redes sociais... todo tipo de xogo sen importar o seu xénero nin o estado do seu desenvolvemento. Aparte de Moonbite Games, á competición tamén concorre outra empresa española, A Crowd of Monsters, que leva o seu xogo móbil Sugar Kid, como grande exemplo do rifada que estará a competición.
A Game Connection celebra este ano o seu 10º aniversario, con máis de 1.600 asistentes a cada edición, e para celebrar que Zombeer terá un curruncho neste encontro sectorial, Moonbite Games estrea un novo trailer de Zombeer (parodiando o de Dead Island), título que pretende chegar en breve a Steam (PC) e PSN (PS3):

PUBLICIDADE