ZombieLoad, unha nova vulnerabilidade dos procesadores de Intel

mércores, 15 de maio do 2019 Marcus Fernández

O ano pasado as vulnerabilidades coñecidas como Meltdown e Spectre convertéronse en todo un pesadelo para os equipos informáticos, forzando a parches de seguridade que afectaron ao rendemento dos equipos (o que resulta especialmente crítico para grandes centros de procesamento de datos), e agora a historia repítese e dende a Universidade de Tecnoloxía de Graz descubriron un fallo de seguridade nos procesadores de Intel dende 2011 chamado ZombieLoad e que permitiría executar código nas máquinas afectadas a través dun tipo de ataque do que aínda non se atoparon casos prácticos, pero para o que xa están a distribuírse parches de seguridade.
Dende Apple, Google e Microsoft xa teñen actualizacións que mitigan o problema, e Mozilla tamén está a traballar na súa, de xeito que as principais aplicacións e sistemas vulnerables poderán estar relativamente seguros se manteñen o seu software ao día, aínda que para unha maior protección haberá que agardar a actualizacións por parte de Intel, compañía que considera que esta nova vulnerabilidade ten unha perigosidade baixa-media, polo que non sería comparable a Meltdown e Spectre.

PUBLICIDADE