Zona Franca, Cámara de Comercio e Gradiant poñen en marcha o proxecto startTIC
mércores, 23 de outubro do 2024
A incubadora de alta tecnoloxía en sectores estratéxicos emerxentes en Europa, startTIC, que liderará a Zona Franca coa participación da Cámara de Comercio e do Centro Tecnolóxico Gradiant, deu un paso máis para a súa posta en marcha en Vigo. A sede do Consorcio acolleu a sinatura do convenio dos tres organismos coa presenza do delegado especial do Estado, David Regades, o presidente da Cámara, José García Costas, e o director xeneral de Gradiant, Luís Pérez Freire. Ao acto, tamén asistiu o alcalde de Vigo e presidente do CZFV, Abel Caballero.
O convenio regula todos os aspectos desta incubadora de alta tecnoloxía ademais da creación dun espazo de incubación de novas firmas innovadoras (startups) do sector en Vigo.
O proxecto, a través do cal traballaranse todas as áreas TIC pero con especial fincapé nas tecnoloxías 5G e de ciberseguridade, “supoñerá un punto e aparte para a rede de empresas tecnolóxicas de Vigo e a súa área xa que dará un potente impulso ao ecosistema de iniciativas emerxentes”, sinalaron na presentación.
A incubadora startTIC conta cun investimento de 3,5 millóns de euros, 2,1 dos cales son financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional dentro do Programa Plurirrexional de España FEDER 2021-2027, despois de que a candidatura liderada por Zona Franca acadase a máxima puntuación entre os proxectos presentados e confirmase un co-financiamento do 60%, o máximo que podía solicitarse. Pola súa banda, o Consorcio achegará 1,2 millóns de euros, a Cámara de Comercio 125.000 euros e Gradiant 87.000.
O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, recoñeceu o orgullo de presentar “un proxecto tan potente, que volve ser froito dunha conxunción público e privada, o mellor valorado dos que se presentaron á convocatoria europea e que estará nunha contorna como López Mora que se converterá no hub TIC do Noroeste peninsular. Seremos, dixo o delegado, o polo de atracción e vertebración das empresas tecnolóxicas de Galicia e do norte de Portugal”. Regades sinalou que o edificio número 4 “estará xa en obras o ano que vén porque terminaremos o proxecto no primeiro trimestre de 2025 e marcámonos como horizonte que en dous anos non só estaremos a inaugurar este edificio senón todo o complexo de López Mora”.
O presidente da Cámara, José García Costas, salientou a colaboración de Zona Franca, Gradiant e a Cámara de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, e o apoio da Fundación INCYDE das Cámaras, que “proporciona unha sólida base para o lanzamento dun recurso que será clave no avance e consolidación do sector TIC, no que Vigo está chamado a ser un polo de referencia”.
Pola súa banda, o director xeral de Gradiant, Luís Pérez Freire, incidiu na importancia desta iniciativa “para impulsar a Galicia como unha comunidade de referencia no emprendemento TIC, con epicentro nun polo xeográfico xa moi vinculado a ámbitos TIC como as telecomunicacións,a ciberseguridade, a IA, os vehículos non tripulados, a tecnoloxia aeroespacial… e cada vez mellor posicionado en ámbitos emerxentes e estratéxicos como a cuántica, os semiconductores e a fotónica”. A través desta colaboración con Zona Franca e a Cámara, Gradiant pon ao dispor da incubadora a experiencia propia do centro tecnolóxico na incubación de tecnoloxías e a creación de spin-offs, que nos últimos anos levoulle a crear 3 empresas de base tecnolóxica que xa dan emprego a 50 persoas en Galicia, e prevé lanzar 2 novas spin-offs o próximo ano. Pérez Freire veu “StartTIC como un elemento necesario para axudar a consolidar o sector TIC galego autóctono, así como atraer novos axentes, en forma de empresas tecnolóxicas e investidores que axudarán a crecer máis e máis rápido ao ecosistema”.
Finalmente, o alcalde de Vigo e presidente do CZFV, Abel Caballero, quixo dar a maior transcendencia posíbel á sinatura deste convenio “porque detrás está o peso de Vigo e o que estamos a facer con este acto formará parte da historia da cidade”. O alcalde sinalou que “temos que ocupar todos os lugares e espazos desta revolución da tecnoloxía porque é a clave da economía e o emprego e non nos vai a parar ninguén”. O hub TIC é será unha lanzadeira das TIC. Xa o fixemos coa automoción, fixémolo no naval e agora volverémolo a facer coas novas tecnoloxías”.
O proxecto startTIC vertébrase en dúas accións: por unha banda, o acondicionamento sostíbel e equipamento tecnolóxico, dixital e innovador do edificio número 4, que albergará a incubadora, e que desenvolverá a Zona Franca coa execución da obra de remodelación integral e a dotación de infraestruturas e equipamentos tecnolóxicos. Tamén, o Consorcio asumirá o mantemento e xestión do espazo.
A outra acción será o desenvolvemento de programas de asesoramento continuo para o impulso das startups e a xeración de sinerxías entre elas e o ecosistema que fomentarán a innovación, o acceso a financiamento, o mentoring especializado e tecnolóxico e o networking. Neste apartado, a Cámara de Comercio farase cargo de actividades de dinamización como os programas de internacionalización e executará os seus propios programas de emprendemento. Pola súa banda, Gradiant asesorará a Zona Franca no deseño e selección do equipamento tecnolóxico, colaborará na súa xestión posterior e levará a cabo os programas e o mentoring, sobre todo os especializados e tecnolóxicos.