Zona Franca e UVigo entregan os premios Galileo e Copernicus a dous proxectos locais

martes, 23 de novembro do 2021 S. P.

Dous proxectos nados na Universidade de Vigo foron elixidos, mediante votación, como gañadores dos certames Galileo Master e o Copernicus Master Galicia 2021. A directora xeral de Zona Franca, Inés González; e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, entregaron os diplomas, como representantes das entidades encargadas da organización dos premios na súa modalidade autonómica. O gañador do Galileo Master é o proxecto Adagio, e a contribución Saint James Caminito impúxose no Copernicus Master.
Adagio é unha iniciativa que pretende mellorar os compoñentes a bordo dos CubeSat, un tipo de satélite miniaturizado empregado para a investigación e aplicación espaciais nunha órbita terrestre baixa. Coa súa proposta, o equipo de investigadores novos quere optimizar a precisión do seu posicionamento, o rendemento e liberar espazo no CubeSat.
O outro galardoado foi Saint James Caminito, que conseguiu o Copernicus Master. O proxecto está enfocado ao gran dinamizador do turismo galego: o Camiño de Santiago. O Camiño conta con 2.837 quilómetros, polo que esta iniciativa pretende facer monitoraxe deles mediante o uso das imaxes de Copérnico e algoritmos que analizarán a vexetación, o estado dos camiños, fallos, inundacións, incendios e, en xeral, “calquera evento que supoña unha ameaza para a seguridade do peregrino”, sinalan os seus responsábeis.
Ambos os proxectos naceron no seo de UVigo SpaceLab, que xunta máis de trinta estudantes das distintas enxeñarías dos Campus de Vigo e Ourense. UVigo SpaceLab está patrocinado por empresas e institucións da área de Vigo que teñen unha profunda colaboración con Zona Franca.
Ao acto de entrega dos diplomas, na Zona Franca en Bouzas (Vigo), asistiron, do proxecto Adagio, Andrés Rabuñal, responsábel do proxecto, Alejandro Camanzo, CTO e Manuel Vale, responsábel do departamento de comunicacións. Por parte do proxecto Saint James Caminito asistiron Manuel Diz, representante do equipo e Pedro Carro, responsábel do departamento de software.
Os premios Galileo Masters celébranse anualmente desde 2004 e contan co apoio dos principais actores europeos relacionados coa navegación por satélite, tales como a Axencia Europea GNSS (Sistema Global de Navegación por Satélite) GSA, o Centro Aeroespacial Alemán (DLR), a Oficina Europea de Patentes (EPO) e o Ministerio Federal alemán para o Transporte e lnfraestrutura Dixital (BMVI) en asociación co Ministerio Federal alemán de Asuntos Económicos e Enerxía (BMWi), entre outros.

PUBLICIDADE