Zona Franca participa no principal encontro estatal de ciberseguridade en España: o JNIC (en Vigo)

martes, 13 de xuño do 2023 S. P.

O Consorcio da Zona Franca de Vigo anunciou a súa participación nas oitavas Jornadas Nacionales de Investigación en Ciberseguridad (JNIC), a principal referencia en xeración de coñecemento e innovación de ciberseguridade a nivel estatal, que se celebran en Vigo do 21 ao 23 de xuño da man do centro atlanTTic (UVigo) e o Centro Tecnolóxico Gradiant, co apoio do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE).
Zona Franca apoia as xornadas para “concienciar ás empresas da importancia de facer unha aposta estratéxica pola ciberseguridade, que é esencial para a súa competitividade”, explicou o delegado da entidade David Regades.
O consorcio lembra que se trata da primeira vez que este encontro recala en Galicia, desde a súa posta en marcha en 2015, tras o seu paso por León, Granada, Madrid, San Sebastián, Cáceres e Bilbao. As xornadas terán lugar na sede Afundación de Vigo.
JNIC é un congreso científico para o intercambio de coñecemento e experiencias no ámbito da ciberseguridade entre académicos, investigadores e empresas. Nesta edición, as xornadas centraranse en tres eixos: Investigación, Transferencia e Formación en Ciberseguridade.
Vigo é referencia neste eido a través de Gradiant e atlanTTic. O centro tecnolóxico desenvolveu máis de 45 proxectos neste ámbito e 30 dos seus 160 profesionais están dedicados a xerar novas innovacións e solucións de seguridade e privacidade. Ademais, a ciberseguridade constituíuse como unha dos sinais de identidade de atlanTTic, desde a súa fundación en 2010. Desde o centro da UVigo desenvolvéronse 27 proxectos (oito europeos) neste ámbito.

PUBLICIDADE