Zoom amplía os seus webinarios até o millón de asistentes

luns, 19 de agosto do 2024 Marcus Fernández

A conversa de Elon Musk e Donald J. Trump nun espazo de X deixou claro que non resulta doado atende a demanda de moitos usuarios simultáneos en directo, de feito que son poucas as compañías que poden ofrecer comunicacións multimedia en vivo a un público masivo, sorprendendo agora Zoom ao querer introducirse nese selecto club. Concretamente están a presentar unha nova solución para a organización de seminarios web para até 1 millón de espectadores. Os clientes da plataforma poden escoller agora a capacidade dos webinarios que organizan, con opcións para 10 mil, 50 mil, 100 mil, 250 mil, 500 mil e 1 millón de espectadores, no que pretenden que supoña toda unha revolución para conectar con audiencias masivas.
Dende Zoom presumen de que a súa solución de seminarios web é moi fiable, ofrece unha latencia inferior á da competencia (presumen de latencia inapreciable fronte aos máis de 5 segundos de retardo doutras plataformas), contan coa flexibilidade á hora de organizar eventos (a capacidade é moi elástica, as sesións poden durar até 30 horas e incluso poden contar acoller até un milleiro de panelistas en vídeo), a súa solución é doada de manexar e tamén ofrecen datos estatísticos para poder analizar resultados e así poder optimizar esforzos futuros.
Zoom propón o uso desta solución de grande capacidade para o sector empresarial (que así pode acoller a unha audiencia global nun único evento), para a industria do entretemento (organizando actividades nas que se acheguen ao seu público) e o sector público (que consegue así abrir unha fiestra de cara á cidadanía).