Zotac quere meter a realidade virtual na mochila

luns, 25 de abril do 2016 Marcus Fernández

Moitos confían en que os xogos en realidade virtual sexan a vindeira revolución, pero no seu estado actual teñen moitos atrancos para trunfar, como o feito de depender dun ordenador de sobremesa ancorado a un escritorio, o que supón todo un lastre para certas actividades baseadas no movemento, o que o fabricante de mini-ordenadores Zotac considerou que podía solucionar, polo que, sen afondar en detalles técnicos, anuncia que está a preparar unha solución de realidade virtual móbil grazas aos seus pequenos equipos Zotac Zbox, que poderían cargarse coa súa correspondente batería nunha mochila, de xeito que o usuario podería moverse ao seu redor sen enredarse cos cables como acontece actualmente, por exemplo, coas configuracións de HTC Vive.
Pese a que aínda non coñecemos os detalles da Zotac Mobile VR, é previsible que sexa un produto baseado no Magnus EN980, un mini ordenador da familia Zbox que conta cun procesador Intel de sexta xeración con gráfica nVIDIA GeForce GTX 980, de xeito que sería o primeiro equipo deste tipo capaz de correr realidade virtual (aínda que polo momento só puido verse nalgunhas feiras e non se atopa á venda), demostrando que a potencia necesaria para mover mundos virtuais tamén será posible en equipos de reducidas dimensións.

Vídeo promocional da solución de realidade virtual de Zotac

PUBLICIDADE