Zuckerberg resta credibilidade a todo o que di Musk sobre o seu combate

luns, 14 de agosto do 2023 Marcus Fernández

Zuckerberg no octógono do seu xardín deixando claro que toma en serio as artes marciais mixtas mentres Musk non para de soltar andrómenas

Levamos semanas co suposto combate de artes marciais mixtas entre Elon Musk e Mark Zuckerberg, pero na última semana quedou tan claro que Musk só sabe por desculpas e inventar cousas non só para adiar o enfrontamento, senón para manter a atención sobre o mesmo con propostas cada vez máis absurdas, que finalmente Zuckerberg tivo que saír á palestra, primeiro para asegurar que Musk non paraba de mentir sobre o tema, e finalmente para asegurar que é o momento de pasar do tema.
Zuckerberg lembra que propuxo unha data real para o combate, ao que Musk nunca chegou a responder, para logo comezar a acumular escusas para adiar o combate, como que ten que someterse a unha cirurxía menor que precisará de meses de recuperación, inventar que o combate se realizaría na Antiga Roma (involucrando incluso a políticos italianos), e agora chegando incluso a suxerirlle a Zuckerberg que fixesen un asalto de práctica na súa casa (onde instalou un octógono no xardín).
O máximo responsable de Meta dá por feito que Elon Musk non está a tomarse o asunto en serio, e considera que o combate non vai ter lugar nunca. Pero mantén a súa dispoñibilidade por se algún día Musk ousa enfrontarse a el nun evento oficial (para o que contan co apoio do presidente da UFC para organizar un acto benéfico).
Musk respondeu chamando cobarde a Zuckerberg, cando está claro que a situación é a contraria, sendo Musk o instigador inicial do combate e a única parte que evitaba a súa concreción.

PUBLICIDADE