acontra+ chega a televisores de Samsung

martes, 4 de outubro do 2022 Marcus Fernández

Samsung anuncia a incorporación aos seus televisores da aplicación de acontra+, unha plataforma de vídeo baixo demanda que chegou a España o pasado mes de febreiro, sen conseguir grande repercusión, pero que resulta bastante curiosa pola súa proposta na que mesturan o catálogo da distribuidora de cine A Contracorriente Films (mediante subscrición e/ou aluguer) a través de streaming coa posibilidade de facerse cunha subscrición Premium que achega 1 entrada de cine ao mes (que en Galicia limítase polo momento aos naroneses Odeon Multicines).
Aínda que acontra+ permite alugar os seus contidos de xeito individual (con prezos de entre 1,99 e 7,99 euros), a meirande parte dos mesmos están accesibles ante unha subscrición básica cun prezo ordinario de 7,99 euros/mes que pode quedar en 3,99 euros/mes de subscribirse ao servizo aproveitando a súa oferta de lanzamento. O plan Premium, que inclúe 1 entrada de cine ao mes, custaría 9,99 euros/mes (4,99 euros/mes en promoción) ou 99,99 euros/ano (49,99 euros/ano en promoción).
O servizo carece de compromiso de permanencia, permite a reprodución en até 4 dispositivos de xeito simultáneo e conta coa opción de descargar os contidos para o seu consumo fóra de liña. Os novos usuarios poden gozar dun período de proba de 7 días.
En acontra+ podemos atopar películas de temática moi variada, grandes clásicos de Charles Chaplin ou Akira Kurosawa, documentais de arte e incluso series de televisión, entre as que destaca The Chosen (Los Elegidos), que narra a vida de Cristo a través dos ollos de persoas que o coñeceron e que destacar por terse financiado a través de micromecenado.

PUBLICIDADE