atlanTTic celebrará os seus 15 anos de andaina cunha completa axenda de actividades
venres, 14 de novembro do 2025
O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, celebra este ano o seu 15º aniversario, consolidado como un referente na investigación e transferencia de coñecemento en ámbitos estratéxicos como as comunicacións, os servizos dixitais e a ciberseguridade.
Para celebralo organizou para a vindeira semana diferentes actividades. O primeiro será un acto institucional, o xoves 20, que reunirá autoridades académicas e políticas, así como representantes de empresas do sector e persoal que forma parte do centro, nun encontro destinado a poñer en valor o papel clave da investigación en telecomunicacións no desenvolvemento económico e social de Galicia. Será no Tinglado do Porto de Vigo.
Quince anos de andaina
A andaina de atlanTTic comezou en 2010 co obxectivo de impulsar o avance da sociedade mediante investigación de excelencia e transferencia de coñecemento en áreas clave para a transformación dixital. Hoxe, quince anos despois, o centro é referente na Rede Cigus da Xunta de Galicia, reúne máis de 200 profesionais e consolídase como un dos polos científicos e tecnolóxicos máis relevantes do ámbito galego e estatal.
Dende o centro da UVigo explican que “ao longo destes 15 anos, atlanTTic contribuíu de forma decisiva a situar Galicia na vangarda da innovación, impulsando proxectos e infraestruturas punteiras como o Vigo Quantum Communication Center (VQCC) ou a futura fábrica de semicondutores SPARC, que reforzan o liderado da comunidade en ámbitos como a fotónica integrada ou as tecnoloxías cuánticas”.
O seu persoal investigador destaca en áreas como as comunicacións B5G e 6G, a fotónica integrada, a intelixencia artificial, o procesamento de linguaxe natural, as tecnoloxías aeroespaciais, a ciberseguridade ou as tecnoloxías cuánticas, desenvolvendo proxectos con impacto directo na industria e no día a día das persoas.
AtlanTTic salienta ademais que o seu compromiso coa transferencia reflíctese tamén na creación dun ecosistema emprendedor robusto, con cinco empresas derivadas (spin-offs) activas —entre elas, Alén Space, integrada hoxe no grupo GMV— que en 2024 superaron conxuntamente os cinco millóns de euros de facturación. Entre 2020 e 2024, o centro mobilizou 11,8 millóns en contratos e convenios con empresas e 39,8 millóns en financiamento competitivo, que o consolidan como o centro líder da UVigo na captación de fondos e na transferencia ao tecido produtivo.
O venres 21 atlanTTic sae á rúa
Ao día seguinte desta celebración, o venres 21, celebrarase tamén a oitava edición da súa xornada de portas abertas, Conecta con atlanTTic, que por primeira vez terá lugar no Tinglado do Porto de Vigo.
Baixo o lema Está aí, pero non o ves, a actividade convida a descubrir a ciencia que “permanece oculta pero que fai posible a tecnoloxía que usamos cada día”. Pola mañá, de 10.00 a 13:.00 horas, desenvolveranse actividades dirixidas a centros escolares, e pola tarde, de 16.00 a 19.00 horas, a xornada abrirase ao público xeral. A entrada é de balde, con inscrición previa a través da web de atlanTTic.
Durante toda a xornada, investigadores e investigadoras do centro amosarán os seus últimos avances en tecnoloxías de telecomunicación, con demostracións e experiencias interactivas. O público poderá ver en funcionamento un dron con conectividade 5G, o robot cuadrúpede Santi, maquetas de nanosatélites e proxectos de comunicacións cuánticas, fotónica ou IA.
