atlanTTic colabora no proxecto europeo EWOC para mellorar as redes 5G
venres, 21 de febreiro do 2025
O centro vigués atlanTTic (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Telecomunicación da UVigo) é unha das entidades colaboradoras de EWOC (Enabling Virtualized Wireless and Optical Coexistence for 5G and Beyond), proxecto internacional que se dirixe a mellorar as prestacións das tecnoloxías de comunicación 5G, co obxectivo de que sexan máis rápidas, eficientes e doadas de usar.
“EWOC busca desenvolver unha nova solución de rede óptica e sen fíos, flexíbel e virtualizada, para optimizar os recursos das redes 5G e posteriores (B5G), aumentando de xeito significativo a eficiencia espectral”, sinala Felipe Gil Castiñeira, investigador de atlanTTic e docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, quen coordina o proxecto na UVigo. Centrado en comunicacións de alta capacidade e baixa latencia (40-90 GHz), EWOC sentará a base para unha mellora de 50 veces a eficiencia espectral. “Partindo de que os sistemas 5G combinarán tecnoloxías ópticas e sen fíos, procurarase traballar en superar os retos que presenta a súa integración”, explica Felipe Gil.
Financiado polo programa Horizon Europe-MSCA-DN (Marie Skłodowska-Curie Actions) con 2,3 millóns de euros, EWOC está integrado por unha decena socios: Instituto de Telecomunicações, que é o coordinador; Universitat Politècnica de Catalunya; Politécnico de Torino; Technische Universität Dresden; University of South Wales e as empresas Huawei Sweden, YLO-Verkot, Top-IX e ISRD, de nove países: Portugal, España, Italia, Alemaña, Reino Unido, Suecia, Finlandia, Polonia e Francia.
Nesta terceira semana de febreiro as entidades socias celebraron unha reunión en Vigo na que analizaron o progreso do proxecto e definiron os pasos futuros, na que foi a oitava xuntanza plenaria do consorcio.
“EWOC é unha iniciativa multidisciplinar no marco das telecomunicacións e o foco da UVigo está en manter estas novas redes seguras e privadas, ao mesmo tempo que se aumenta a súa operación automática e intelixente”, destaca Gil, que incide en que este proxecto, “propón e valida novas ideas que logo terán que ser implementadas en prototipos, probadas en pilotos, e xa finalmente, se todos os pasos anteriores foron exitosos, poderán pasar aos estándares e aos produtos comerciais”, engade o investigador.
Precisamente en atlanTTic, o investigador Orestis Maraziotis está desenvolvendo unha tese de doutoramento sobre ciberseguridade, privacidade e Intelixencia Artificial para que as novas redes sen fíos e ópticas, virtualizadas e flexíbeis, propostas en EWOC, sexan máis automáticas grazas á IA, sen comprometer a seguridade nin a privacidade dos usuarios.
A tecnoloxía que se desenvolverá no marco de EWOC achegará vantaxes e beneficios tanto para usuarios finais e como para empresas de telecomunicacións. “Pretendemos conseguir redes con capacidades moi superiores ás actuais, que se adapten mellor ás necesidades dos usuarios de forma automática e ofrecendo novos servizos, integrando tamén capacidades de Intelixencia Artificial, ao mesmo tempo que garantan a seguridade e a privacidade”, conclúe Felipe Gil.