atlanTTic colabora nun proxecto europeo para garantir comunicacións ciberseguras no espazo libre
martes, 11 de febreiro do 2025
OPTIMAS, proxecto europeo no que colabora a Universidade de Vigo a través do centro atlanTTic, e liderado por Monodon de Navantia, iniciou esta tempada a súa andaina co obxectivo de desenvolver un sistema avanzado de comunicacións ópticas en espazo libre para aplicacións de defensa multidominio.
Segundo explica atlanTTIc, trátase “dun ambicioso proxecto que busca proporcionar comunicacións de transferencia de datos de alta velocidade cun nivel de seguridade excepcional, integrando tecnoloxías de cifrado de última xeración, como a distribución de claves cuánticas (QKD)”. Engade o centro da UVigo que OPTIMAS “marcará un fito no desenvolvemento de sistemas de comunicación láser aerotransportados, proporcionando comunicacións seguras e de alta velocidade”.
Está deseñado para operar en constelacións de satélites con aplicacións para unidades espaciais, aéreas (drons), navais e terrestres.
O demostrador final do proxecto centrarase en lograr comunicacións ópticas bidireccionais, seguras e de alta velocidade. Este demostrador, explica o centro da UVigo, “permitirá capacidades avanzadas de apuntamento, adquisición e seguimento de satélites en órbitas terrestres baixas (low Earth orbits, LEO)” e “ampliará o alcance as posibilidades do sistema coa exploración das aplicacións en órbitas medidas e xeoestacionarias (geostationary orbits, GEO)”.
OPTIMAS xunta un consorcio europeo formado por 12 entidades de 7 países, das cales media ducia son organizacións españolas. O papel do Grupo de Investigación en Tecnoloxías Aeroespaciais do Centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, da Universidade de Vigo no proxecto OPTIMAS será decisivo para “establecer as bases técnicas do proxecto, definindo as expectativas operativas xerais do sistema, os casos de uso, os compoñentes básicos e os requisitos para a solución multidominio de OPTIMAS”. Este traballo incluirá unha análise e definición de requisitos que servirán como base para as fases posteriores do proxecto, permitindo o desenvolvemento de capacidades adicionais, como a integración de distribución de claves cuánticas (Quantum Key Distribution, QKD) e fotónica integrada (Photonic Integrated Circuits, PIC), así como a implementación do sistema en segmento espazo, aéreo (drons), e naval.
O Grupo de Investigación en Tecnoloxías Aeroespaciais xogará pois un papel determinante en garantir que o sistema sexa tecnicamente viábel, operativamente efectivo e sostíbel dende o punto de vista económico.
O proxecto desenvólvese no marco do programa de traballo 2023 do Fondo Europeo de Defensa (EDF – European Défense Fund), consolidando a cooperación internacional en innovación tecnolóxica para a defensa.
Baixo a coordinación de Monodon de Navantia, participan como socios españois, xunto á Universidade de Vigo, o Centro de Láseres Pulsados, CLPU, Tecnobit-Grupo Oesía, o Instituto de Astrofísica de Canarias e o grupo Sener. A participación internacional está conformada por Cailabs (Francia), GMVIS Skysoft SA (Portugal), Mbryonics Limited (Irlanda), Odysseus Space SA (Luxemburgo), Reflex Aerospace GMBH (Alemaña) e Schiebel Elektronische Geraete GMBH (Austria).