atlanTTic e Gradiant organizarán en Vigo o principal encontro nacional en investigación en ciberseguridade

xoves, 23 de marzo do 2023 S. P.

As VIII Jornadas Nacionales de Investigación en Ciberseguridad, JNIC, principal referencia en xeración de coñecemento e innovación de ciberseguridade a nivel estatal, celebraranse este ano en Vigo. Serán do 21 ao 23 de xuño organizadas polo Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, e o Centro tecnolóxico Gradiant, co apoio do Instituto Nacional de Ciberseguridade, INCIBE.
Trátase da primeira vez que este encontro se celebra en Galicia desde a súa posta en marcha no 2015, e as xornadas centraranse nesta ocasión en tres eixos: investigación, transferencia e formación en ciberseguridade. “A ciberseguridade constituíuse como un dos sinais de identidade de atlanTTic desde a súa fundación no 2010”, afirma o director do centro, Martín Llamas Nistal, quen explica que desde este centro de investigación se desenvolveron 27 proxectos, “ademais transferiuse o coñecemento ao tecido económico, impulsando a súa competitividade e levando con éxito os seus resultados ao mercado”.
No caso de Gradiant, o seu director, Luis Pérez-Freire, fai fincapé en que nos derradeiros anos desenvolveron máis de 45 proxectos no ámbito da ciberseguridade. “Hoxe 30 dos nosos 160 profesionais están dedicados a xerar innovacións e solucións de ciberseguridade”, afirma Pérez-Freire.
Nesta edición do encontro, ademais da valoración dos traballos de investigación máis destacados, púxose en marcha unha iniciativa para valorar os mellores retos en ciberseguridade desde un punto de vista práctico. O envío de artigos para valoración pode facerse ata o día 31 de marzo e ata o 31 de abril en caso dos retos. Por outra banda, as persoas interesadas en inscribirse poderán facelo a partir do 10 de abril.
A organización das xornadas conta tamén coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, o Nodo Galego de Ciberseguridade Ciber.gal, a Rede de Excelencia Nacional de Investigación en Ciberseguridade (RENIC), Optar Solutions, ViewNext e a Cátedra R en Ciberseguridade

PUBLICIDADE