atlanTTic enxalza as contribucións das enxeñeiras ao sector da ciberseguridade

mércores, 15 de maio do 2024 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, celebrou este martes 14 de maio a terceira e última xornada do ciclo Conectando en Igualdade: a transformación do futuro tecnolóxico e fíxoo reivindicando o papel das mulleres enxeñeiras no eido da ciberseguridade.
Na apertura da xornada contouse coa participación de Manuel J. Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Martín Llamas Nistal, director de atlanTTic; Rebeca P. Díaz Redondo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e Mar F. Cendón, técnica da Unidade de Igualdade, que deron paso a unha mesa redonda que se encargou de moderar a profesora da EET e investigadora de atlanTTic, Edita de Lorenzo.
Participaron nesta mesa redonda catro expertas en ciberseguridade dos eidos empresarial e académico: Ana Fernández Vilas, investigadora de atlanTTic e coordinadora da Cátedra R en Ciberseguridade e do máster interuniversitario MUniCS; Eduvigis Ortiz, presidenta e fundadora de Women4Cyber Spain; Pilar Vila, CEO en Forensic & Security, e Elena Rodríguez Lois, investigadora da área de ciberseguridade de atlanTTic.
As catro relataron as súas traxectorias como mulleres enxeñeiras no sector da ciberseguridade, pondo o foco “na baixa representación feminina en carreiras técnicas e na brecha de xénero que segue existindo neste ámbito”. A maiores, coincidiron tamén en facer fincapé na importancia de mudar esta mirada, para o que se considerou importante que sexan as propias mulleres as que actúen como axentes de cambio.
A transformación do mundo da tecnoloxía, incorporando unha perspectiva multidisciplinar e unha visión máis feminista e diversa, foi a principal reivindicación da xornada, á que se uniron outras como que todos e todas debemos ter as mesmas opcións de futuro, algo que, ao seu xuízo, só se conseguirá educando en igualdade de oportunidades.
Todas as xornadas organizadas no marco deste ciclo contaron co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, grazas ás axudas do Distintivo de Igualdade obtido polo centro atlanTTic en 2023.