atlanTTic presenta os resultados do seu proxecto para a detección de deterioro cognitivo e depresión

luns, 30 de setembro do 2024 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, vén de presentar nunha xornada da asociación AFAGA Alhéimer as conclusións do seu proxecto Sapiens (Services & Applications for Healthy Ageing), unha proposta que tiña como obxectivo o deseño de ferramentas para a detección do deterioro cognitivo e a depresión mediante altofalantes intelixentes adestrados con Intelixencia Artificial (IA).
En canto ao evento, sinalar que está impulsado pola Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer (AFAGA) e outras demencias de Galicia, buscaba visibilizar solucións e innovacións dixitais relacionadas coa prevención e a atención á lonxevidade nos que está implicada esta entidade. En concreto, ao abeiro do proxecto Sapiens deseñáronse varias ferramentas tecnolóxicas adestradas con Intelixencia Artificial (IA) e técnicas de Machine Learning, DigiMoca e DigiYesavage, asistentes conversacionais intelixentes tipo Alexa, cos que se realizaron estudos e cribados con persoas maiores e tests de validación da súa usabilidade cos propios usuarios. En total traballouse con 73 persoas maiores de 50 anos, entre eles, usuarios de AFAGA Alzhéimer.
Luís Anido Rifón, responsábel do proxecto Sapiens (investigador de atlanTTic e catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación) e os investigadores Noelia Prieto e Moisés Pacheco, de atlanTTic, que foron os encargados de presentar as conclusións máis importantes dos estudos e cribados realizados con estas novas ferramentas tecnolóxicas, que xa foran avanzadas no campus no mes de maio. O equipo demostrou que os resultados obtidos polos test tradicionais e os dixitais eran semellantes e que o uso da IA elimina erros no diagnóstico, ao achegar novas variábeis, como os tempos de resposta ou as repeticións, que non se teñen en conta nos test tradicionais. Os resultados tamén amosaron unha boa aceptación destas ferramentas tecnolóxicas, tanto en usuarios como en profesionais.
Engadir que o proxecto estivo financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, coordinado por atlanTTic e contou coa participación da Universidade de Santiago de Compostela. Asemade, participaron 13 investigadores e investigadoras, que contaron coa colaboración de: AFAGA, o Centro de día Parque Castrelos, o Centro Veciñal e Cultural de Valladares e o Coro Sénior da UVigo.