atlanTTic traballa nunha experiencia de Realidade Aumentada enriquecida para o Camiño de Santiago
martes, 29 de xullo do 2025

- Francisco de Arriba Pérez e Silvia García Méndez, investigadores de atlanTTic
Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, está a participar no proxecto europeo 3DBigDataSpace, que se dirixe a “potenciar o acceso, visualización e contextualización de contidos 3D e 4D, a grande escala, sobre o patrimonio cultural europeo”, informaron fontes do centro respecto dun proxecto comandado pola empresa australiana Time Machine Organisation, a principal organización internacional de cooperación en tecnoloxía, ciencia e patrimonio cultural.
En concreto, o proxecto pretende crear unha infraestrutura europea aberta para o almacenamento e uso de contido patrimonial, agregando máis de 50.000 modelos 3D e integrando recursos en plataformas recoñecidas como Europeana e Zenodo. Deste xeito, a través de tecnoloxías avanzadas como a Intelixencia Artificial (IA) e a Realidade Aumentada (AR), crearase un ecosistema innovador que permita a agregación, visualización e uso destes recursos por investigadores, profesionais do patrimonio, estudantes e a sociedade en xeral.
Como explican Silvia García Méndez e Francisco de Arriba Pérez, investigadores de atlanTTic responsables da iniciativa na UVigo, o obxectivo é “ampliar de maneira significativa o número de contidos 3D de alta calidade sobre o patrimonio cultural europeo, promovendo a súa agregación desde diferentes provedores” e “establecendo un sistema de almacenamento estable e a longo prazo a nivel europeo, que facilite a preservación e reutilización destes recursos”.
A iniciativa conta cun financiamento total de 1.94 millóns €, do que 972.045,78 € será subvencionado pola Unión Europea.
Segundo explican dende atlanTTic, 3DBigDataSpace integra un conxunto de tecnoloxías avanzadas que “permitirán crear solucións punteiras no ámbito do patrimonio dixital, entre as cales destacan o deseño e modelado 3D e 4D, centrado na representación precisa de contidos patrimoniais e históricos; a Realidade Aumentada aplicada ao contexto cultural e turístico, especialmente no desenvolvemento dunha aplicación móbil para o Camiño de Santiago e o Camiño a Roma, liderada pola UVigo; e aplicacións multiplataforma, garantindo un acceso amplo e universal”.
O grupo de investigadores do centro vigués salienta que a IA “constitúe unha peza central no desenvolvemento do proxecto ao facilitar tanto a xestión automatizada de contidos como a creación de experiencias personalizadas e accesibles para os usuarios”.
Un dos fitos destacados do proxecto consistirá no desenvolvemento dunha experiencia de Realidade Aumentada enriquecida para o Camiño de Santiago e o Camiño a Roma, mediante unha aplicación multiplataforma que se levará a cabo desde atlanTTic. “Esta ferramenta permitirá que os peregrinos accedan a contido enriquecido mentres realizan a ruta, mellorando a súa experiencia cultural e inmersiva”, detallan os investigadores líderes na UVigo. A principal finalidade do equipo investigador será deseñar e aplicar experiencias 3D e 4D baseadas na localización, co fin de guiar os peregrinos ao longo das diferentes rutas destes dous camiños. Esta solución permitirá incorporar elementos de AR que contextualicen o patrimonio in situ; mellorar a experiencia dos usuarios con contido dixital adaptado ao seu percorrido e fomentar o uso de tecnoloxías inmersivas en contornos culturais, tanto urbanos como rurais.
Ademais, parte do desenvolvemento destas aplicacións estará pensado para funcionar en contornas con baixa conectividade, garantindo así o acceso aos contidos en zonas rurais, “un aspecto clave para a democratización tecnolóxica e a inclusión territorial”, sinalou atlanTTic.
No proxecto 3DBigDataSpace, que arrancou en febreiro e terá unha duración de 18 meses, están implicadas universidades, centros de investigación, museos e empresas tecnolóxicas de toda Europa, dende Alemaña ata Países Baixos, Italia, Irlanda, Polonia, Bélxica e España, ademais da Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (España).
A UVigo participa a través do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) de atlanTTic, cun equipo con ampla experiencia en IA, aprendizaxe automática, procesamento da linguaxe natural e no deseño de aplicacións móbiles accesibles. Os investigadores poñen o foco na forte vocación educativa e divulgativa do proxecto proxecto 3DBigDataSpace, xa que contempla a creación de recursos dixitais para museos, escolas e centros culturais, adaptados a diferentes niveis de aprendizaxe e accesibles a públicos diversos.
