Elvilmetal.com inaugura novo deseño con motivo do seu cuarto aniversario Elvilmetal.com é moitas cousas, pero tamén (e sobre todo) unha forma de falar da nova economía para tódolos gustos, sobre todo para aqueles que fuxen da linguaxe árida e distante dalgúns medios de comunicación especializados na materia. Tras esta web da que falamos está o noso amigo e colaborador David Lombardía, quen como cada ano celebra o aniversario da posta en marcha do seu proxecto cunha serie de novidades. El Vil Metal cumpre, polo tanto, catro anos e, segundo Lombardía, “parece que foi onte cando nos lanzamos a crear unha web que tratase nin máis nin menos que de economía”. Catro anos, para nós que somos persoas reais é pouco tempo, pero no eido virtual case se podería dicir que é unha eternidade, tendo en conta tódalas cousas que están a pasar no mundo do xornalismo e a comunicación e a rapidez coa que nacen e morren as webs.Porén, Elvilmetal segue adiante, un proxecto web que é (como dicíamos o ano pasado) unha especie de chimpo ó baleiro que se xestou nun “escuro bar, repleto de vapores e fume” e perpetrado por un equipo de dúas persoas (David Lombardía e José Antonio Pasarón) que, co paso do tempo, xa é un equipo de moitas persoas. Para celebrar este cuarto aniversario, decidiron inaugurar novo deseño na que se pode chamar a súa versión 5.0 (“a forza de cinco”, subliñan). Felicididades para eles. |
Un canciño de Sony que fala galego será o mestre de cerimonias da carpa do Obradoiro Un canciño xaponés que fala galego non é algo que se vexa tódolos días. En realidade, é algo que non se ve endexamais, agás este martes 16 de maio na praza do Obradoiro Santiago, concretamente na carpa instalada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual. O canciño en cuestión, que se chama Axóuxere, será _por dicilo así_ o anfitrión e mestre de cerimonias da devandita estrutura, onde se promocionarán moitas cousas distintas pero dalgunha maneira complementarias: a creación audiovisual, Internet, a comunicación, o concurso Curtas na Rede e (por tratarse da véspera do Día das Letras Galegas) a cultura galega. Diso, de promocionar, tamén se encargará o canciño Axóuxere. Trátase dun robot desenvolvido por Sony que foi “aprendido” a falar galego e que representa, segundo fai saber a organización, un referente fundamental diso que se podería chamar “tecnoloxía ó servizo dunha identidade cultural propia”. |
Adestran a 2 cans para detectar o tráfico de discos piratas A industria do audiovisual, na súa loita contra a piratería, está a tomar medidas abraiantes, coma a que emprenderon no Reino Unido, onde a Federation Against Copyright Theft (Federación Contra o Roubo do Copyright) adestrou a dous cans labradores negros que con capaces de ulir as sustancias que compoñen os discos compactos, de xeito que Lucky e Flo poden detectar discos camuflados entre varias capas de embalaxes, aínda que non distinguen entre discos orixinais e piratas (polo que é preciso que os investigadores da FACT examinen os paquetes sospeitosos).Este novo xeito de detectar o tráfico de discos de almacenamento óptico sirve especialmente para determinar os paquetes que deben inspeccionarse en aduanas e aeroportos como medida contra a piratería. |
Cultura pon en marcha unha web con datos sobre tódalas edicións da festa do 17 de maio A Consellería de Cultura vén de presentar unha web que é, por dicilo así, unha enciclopedia virtual de tódolos escritores e escritoras que foron recoñecidos no Día das Letras Galegas, incluído Manuel Lugrís, o homenaxeado este vindeiro mércores 17 de maio. A web, que abrangue información dende a primeira convocatoria desta festividade nosa, en 1963, inclúe datos sobre os autores e a súa contribución á cultura, biografías e ligazóns. A intención de Cultura é que a súa utilidade non se limite a esta edición concreta de 2006, senón que sexa algo así como a face web de tódalas convocatorias pasadas e as futuras.Estes días é de especial interese o que se nos conta sobre Lugrís Freira nun especial no que se inclúe información sobre os seus poemas, pezas teatrais, colaboracións, narrativa. Tamén se fai fincapé no seu compromiso coa lingua galega nos medios de comunicación e nas institucións públicas. |
Paris Hilton convértese na aparición máis anecdótica do E3 A Feira dos videoxogos de Los Ángeles, o E3, rematou con moitas novidades, pero algúns fabricantes tiveron que optar ó uso de celebridades para acadar repercusión mediática, coma foi o caso de Gameloft, un fabricante de xogos para móbiles que apostou pola popular herdeira Paris Hilton para promover un xogo de puzzles: Paris Hilton’s Jewel Jam.O curioso da promoción do novo xogo foi que a propia Paris Hilton apareceu durante a feira do lecer electrónico amosando a súa excitación polo seu novo videoxogo “Diamondquest”, ou sexa, errando o nome do xogo que chegará ós móbiles no vindeiro verán. Sen dúbida, unha confusión que confirma as moitas críticas que recibe Hilton e que lle puido valer unha publicidade impagable a un xogo que noutras circunstancias pasaría totalmente inadvertido. |
Especialistas mundiais de software libre falarán este martes 16 na UDC A Universidade da Coruña conmemora estes días a festividade das Letras Galegas e a de Internet, a do 17 de maio. É nesa liña de actividades onde cómpre situar a Xornada de Software Libre que acolle este martes 16 a Facultade de Informática, a partir das 9.30 horas. O encontro, que contará coa presenza do reitor, José María Barja e da directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Elena Veiguela, está organizado polas tres universidades galegas con motivo da dobre festividade da xornada do mércores. Tamén estará presente Marcelo D´Elia Branco, coordinador do proxecto Software Libre do Brasil e director da Rede Internacional das Administracións polo Software Libre, da que forma parte a Xunta de Galiza.D´Elia Branco falará ó longo desta xuntanza dos éxitos que están a acadar diversos proxectos de programas de código aberto nas institucións públicas. Tamén intervirá Christopher Wellwig, responsable do desenvolvemento do software de Linux. Máis tarde, responsables das areas tecnolóxicas das tres universidades galegas falarán nunha mesa redonda das súas experiencias con programas de código aberto nas tres institucións educativas. Xa pola tarde, a partir das 16.30 horas, falarán Enrst Leiss, profesor de Houston, e Jaime Villate Matiz, da Universidade de Porto. |
Polycom lanza un sistema de conferencia baseado en Skype A afamada empresa de produtos de videoconferencia, Polycom, chegou a un acordo con Skype para fomentar as comunicacións corporativas a través do popular sistema de voz por Internet.Así, veñen de lanzar o Polycom Communicator, que consiste nun altofalante USB que permite falar en mans libres con alta calidade, incorporando tecnoloxía de eliminación do eco, de xeito que é unha solución moi axeitada para falar comodamente mentres se establecen comunicacións a través do Skype, co conseguinte aforro para a factura do teléfono. O novo dispositivo véndese en modelos azul claro e negro por 130 euros. |
Fiat terá os seus propios móbiles O fabricante italiano de automóbiles Fiat vai lanzar ó mercado unha liña de teléfonos móbiles baixo a súa marca, que se distinguirán pola súa cor azul combinada co aluminio, descoñecéndose aínda as súas características técnicas, aínda que xa se sabe que reproducirán ficheiros MP3, permitirán navegar pola Rede e incorporarán cámara fotográfica dixital e conexión Bluetooth (polo que Fiat xa está a integrar esta última tecnoloxía nos seus coches).Agárdase que os terminais teñan un prezo elevado, xa que se tratarían de produtos de deseño. |